A vaga de incendios de agosto arrasou espazos protexidos en Ourense e deixou a maior pegada na Rede Natura 2000 desde 2004
A vaga de incendios forestais do pasado mes de agosto deixou unha fonda cicatriz no patrimonio natural galego, cun impacto especialmente severo nos espazos protexidos do interior da comunidade. Segundo datos solicitados pola asociación ecoloxista ADEGA ao sistema europeo Copernicus-EFFIS (European Forest Fires Information System), arderon 37.819 hectáreas dentro da Rede Natura 2000, o que representa o 26% de toda a superficie queimada en Galicia este ano e o 10,8% do conxunto dos espazos protexidos da comunidade.
Trátase da maior afección rexistrada desde a instauración desta figura de protección europea en Galicia no ano 2004, superando amplamente os precedentes máis graves, como o de 2011, cando se queimaran 10.949 hectáreas.
Ademais, os incendios devastaron 8.841 hectáreas adicionais en áreas propostas para formar parte da ampliación da Rede Natura, incluídas na Estratexia de Infraestrutura Verde. Algúns destes enclaves, como a Serra de Vilamartín, quedaron completamente arrasados polo lume.
Ourense, epicentro do desastre
A provincia de Ourense concentrou boa parte da destrución. En apenas unha semana de agosto arderon 31.837 hectáreas en espazos protexidos, segundo o Copernicus. Os lumes calcinaron o 56,8% do Bidueiral de Montederramo, o 52,4% do Macizo Central, o 20,3% de Pena Trevinca, o 14,8% de Pena Maseira e o 7,5% da Serra da Enciña da Lastra.
En Lugo, a ZEC Ancares-Courel sufriu os peores incendios da súa historia, con 5.389 hectáreas queimadas, o 5,2% da súa superficie.
No conxunto de Galicia, este 2025 ardeu xa o 4,9% do territorio (144.997 hectáreas). Mais a incidencia nos espazos protexidos foi máis do dobre: o 10,8% da Rede Natura resultou afectado, o que supón que estes enclaves arderon cunha frecuencia 2,2 veces maior que o resto do territorio.
Biodiversidade ameazada e servizos ecosistémicos en risco
A dimensión da vaga de lumes deixa no ar serias dúbidas sobre a viabilidade ecolóxica dalgúns destes territorios, fogar de especies en perigo como o oso, a aguia real ou diversas plantas endémicas. ADEGA alerta de que os servizos ecosistémicos que estes espazos prestan á sociedade —como a regulación hídrica, a absorción de carbono, o control da erosión ou o subministro de alimentos— tardarán anos en recuperarse.
Denuncia de opacidade e ausencia de planificación
A asociación ecoloxista critica que sexa unha ONG e non a administración quen ofreza cifras detalladas sobre a incidencia real dos incendios nos espazos protexidos. Acusan ás consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural de opacidade, desinformación e inoperancia, e sinalan que, a día de hoxe, non existen datos oficiais sobre a afección dos lumes nin tampouco un plan específico para a restauración ecolóxica dos espazos queimados.
As únicas medidas anunciadas pola Xunta céntranse en axudas para tecores e para a reparación de infraestruturas, sen atender á recuperación da biodiversidade. ADEGA cualifica de “trumpismo ambiental” as declaracións do presidente Alfonso Rueda —que restou importancia á vaga de incendios asegurando que só arderan “pedras e mato”— e as da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que chegou a vincular lobos e incendios.
Reclamacións de ADEGA á Xunta
A asociación reclama a convocatoria urxente do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel (COGAMADES) para avaliar a xestión dos incendios, cuantificar os danos e coñecer os programas previstos de rexeneración.
Entre as medidas propostas, ADEGA pide transparencia nos datos ofrecidos á cidadanía, incluíndo a incidencia sobre espazos naturais protexidos; a posta en marcha inmediata de programas de protección, restauración e rexeneración dos espazos naturais afectados; a recuperación do voluntariado en defensa do monte galego, que foi clave en anteriores crises incendiarias; e a publicación dun mapa de riscos asociado aos incendios, tal e como establece a Lei de prevención de incendios, no que se concreten as zonas sensibles de erosión, a afección sobre cursos de auga, recursos forestais, pesqueiros e infraestruturas.
Unha vaga de incendios que, máis alá da devastación inmediata, deixa abertas incógnitas cruciais sobre a capacidade de Galicia para protexer e rexenerar o seu patrimonio natural máis valioso.