A reserva da biosfera Gerês-Xurés recibirá unha inversión de 16,4 millóns de euros
Galicia e Portugal investirán 16,4 millóns de euros no período 2022-2025 para garantir o desenvolvemento sustentable da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, tal e como ven de avanzar a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a presentación do plan de xestión deste espazo natural que engloba 11 municipios (6 galegos e 5 portugueses). Segundo Vázquez, o plan de xestión “é o instrumento de planificación que identifica os eixos estratéxicos, as liñas prioritarias de actuación e as principais accións a desenvolver no vindeiro trienio nesta reserva da biosfera, así como os investimentos previstos polos diversos socios”.
Polo que respecta ao financiamento, a Xunta destinará máis de 2 millóns de euros do investimento previsto, dado que a superficie desta reserva na Comunidade supón só o 24% do total e o 12% da poboación. Eses fondos destinaranse aos 4 eixos estratéxicos do plan de xestión: imaxe e identidade, desenvolvemento socioeconómico, conservación da natureza e participación e integración social.
Entre as actuacións máis salientables, a Consellería subliña o programa de educación ambiental e cultural; promoción e implantación de medidas agroforestais-ambientais; restauración e posta en valor de elementos do patrimonio arquitectónico; organización da oferta turística; posta en valor do territorio a través das novas tecnoloxías; ampliación e mellora de hábitats e especies vexetais autóctonas, e accións de sensibilización e formación dirixidas ás poboacións e axentes locais. Ademais, a Consellería ten previsto destinar máis de 618.000 euros á restauración ecolóxica de masas de Quercus pyrenaica “como hábitat de interese comunitario e á sinalización complementaria, adecuación de infraestruturas e adaptación da accesibilidade a persoas con diversidade funcional na gran ruta transfronteiriza da reserva”.