A poda salvaxe en Galicia, unha acción innecesaria que pon en perigo a saúde das árbores
Galicia é testemuña das podas salvaxes que se realizan cada ano nas súas cidades, unha acción que xera consecuencias moi desfavorables para as árbores. Segundo Oliver Weiss, enxañeiro agrónomo, o que se pretende con este proceso é adaptar a árbore ao medio que lle concedemos en lugar adaptar o medio á árbore. Así, os procesos de poda aos que están sometidas as árbores responden principalmente a motivos estéticos. O enxañeiro destaca a importancia de planificar mellor o arbolado das rúas, xa que proporcionan sombra para baixar a temperatura nas cidades. Por outra banda, as árbores filtran o aire contaminado, resultado da conducción dos vehículos; serven de refuxio á fauna local, drenan a auga do solo e fan máis sostible a contorna.
Un dos exemplos máis significativos de poda salvaxe é o coñecido plátano de sombra, unha árbore que se atopa en practicamente todas as cidades galegas e que ocupou boa parte da costa atlántica como un elemento de sombra, que se pode ver creando galerías nalgunhas estradas. O plátano de sombra xera unha gran ramificación cun gran potencial de desenvolvemento e non precisa do ser humano para recortarse. Moito menos se non existe un motivo de peso, como que afecte á seguridade das persoas. Por exemplo, en Vilagarcía de Arousa produciuse o ano pasado a eliminación de varias ducias desta árbore en diversos parques da localidade por estar en risco de caída. Porén, é importante preguntarse se o maltrato a esas árbores provoca que sexan cada vez máis débiles e que teñan menos capacidade para resistir as enfermidades, o vento e os efectos da propia humidade.
Diversas organizacións ecoloxistas advirten dos perigos deste tipo de podas. Bosques Sin Fronteras xa denunciaba en marzo de 2021 as podas drásticas no ceminterio de Pereiró en Vigo. Segundo a asociación, “estas árbores pertencen a unha especie que desenvolve, de forma natural, unha gran copa e unha frondosa sombra e foron mutilados sen ningún motivo aparente”. A organiación lembra que as árbores non necesitan ser podadas a non ser que exista un motivo aparente. Ademais, “as podas non rexuvenecen á árbore senón que estresan e producen grave dano á estrutura, á seguridade e á saúde do arbolado. As podas drásticas producen unha sobreabundancia de crecemento anormalmente rápido, signo de que a árbore está sufrindo un trauma, e reacciona cun crecemento antinatural nun intento desesperado de reemplazar a follaxe que perdeu a causa dunha poda excesivamente severa”. Segundo a organización, este tipo de accións tamén aumentan a posibilidade de infección por fungos no interior da árbore, producindo o avance da putrefacción e a enfermidade de forma rápida.
Concienciación cidadá sobre as podas salvaxes: o caso de Alicante
É importante que os cidadáns sexan conscientes das consecuencias que producen as podas salvaxes na súa contorna. O Concello de Alicante ven de presentar a campaña “Por una poda con cabeza”, co obxectivo de que a cidadanía coñeza os criterios que se seguen dende o servizo de “Brota Alicante” a través de STV Gestión. O obxectivo da iniciativa é dar a coñecer á poboación os cambios nos criterios de poda que se introduciron nos últimos anos, ademais de explicar os beneficios que ofrece o axeitado tratamento das árbores. Por outra banda, tamén se explican os perigos das podas, indicando que unha poda indiscriminada “é unha agresión á árbore, que o obriga a loitar para sobrevivir”. Trátase dunha acción que debe realizarse en casos moi concretos, como cando existe un problema de saúde da árbore que afecte á seguridade das persoas.