Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A plataforma Por un Monte Galego con Futuro presenta unha denuncia pola inacción da Xunta ante a vaga de lumes

Diversas organizacións que conforman a plataforma Por un Monte Galego con Futuro veñen de presentar unha denuncia ante a Fiscalía “pola inacción da Consellería de Medio Rural ante a vaga de lumes que arrasou nas últimas semanas ecosistemas de gran valor” como o Parque Natural do Invernadeiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro e Arenteiro, entre outros. Ademais, solicitaron á Valedora do Pobo que “actúe de oficio e investigue en profundidade a actuación do goberno galego na prevención e extinción dos incendios forestais para o esclarecemento das responsabilidades penais”.

Así, as organizacións que forman parte da plataforma sinalan que o dano producido polos incendios forestais agravouse debido a que a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 “están sen facer a día de hoxe”. Neste sentido, indican que apenas se executou parte do Plan de prevención de incendios forestais presentado o 5 de maio de 2022 polo entón Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. Este plan tiña previsto, entre outras partidas, un investimento de 33 millóns de euros para prevención e intervir en 58.000 hectáreas de montes e 58.000 quilómetros de pistas.

Ademais, sosteñen que o alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido moito menor de activarse todo o operativo de "Tempada de Máximo Risco de Incendios" tal e como establece o PLADIGA 2022. Tendo en consideración a situación de alarma por risco extremo de incendio forestal, debíase ademais adoptar as medidas complementarias establecidas nos protocolos de Protección Civil tanto de Galicia como do Estado español.

Desde a plataforma Por un Monte Galego con Futuro tamén destacan a “dramática situación que se viviron en aldeas e poboacións con varias casas calcinadas por uns incendios forestais incontrolados pola falla de medios especialmente entre o 14 e o 27 de xullo”. Ademais, recalcan que o operativo para extinguir os incendios estivo “desbordado desde o principio pola falla de medios técnicos, materiais e humanos”. As organizacións que conforman a plataforma consideran que o grado de mobilización do operativo de prevención e extinción de incendios foi equiparable ao que se activa durante unha precampaña nos meses de marzo, abril, maio, xuño. “Mentres montes enteiros ardendo, os espazos naturais de máis valor de Galicia calcinándose e aldeas afectadas con casas queimadas”.

Por outra banda, a plataforma alerta que no mes de xullo en Galicia queimáronse preto de 40.000 hectáreas con millóns de animais atrapados e mortos polo avance das lapas “sen que haxa un protocolo de actuación para minimizar os efectos dos incendios sobre a fauna ou para recoller os animais feridos e tratar de curalos nos centros de recuperación de fauna salvaxe xestionados pola Consellería de Medio Ambiente”. Así, a plataforma agarda que a Fiscalía abra unha investigación ante o enorme prexuizo causado polo “desleixo da Xunta”. Ademais do grave dano causado nos montes e ecosistemas de máis valor de Galicia, tamén resaltan as perdas económicas e sociais que poñen en risco a sustentabilidade e o futuro das bisbarras afectadas.


Comparte esta noticia