A Plataforma “Por un Monte Galego con Futuro” presenta un manifesto para esixir un cambio profundo na política forestal de Galicia
A Plataforma "Por un Monte Galego con Futuro", integrada por 70 colectivos ecoloxistas, ambientalistas, agrarios, sindicais, científicos, culturais e veciñais de toda Galicia, presentou este xoves un manifesto no que reclama un cambio “urxente e radical” das políticas públicas de prevención e defensa fronte aos incendios forestais. A iniciativa coincide co inicio da campaña de alto risco de incendios e chega un ano despois da vaga de lumes de 2025, que as entidades cualifican como a máis catastrófica do que vai de século e a segunda da historia de Galicia en superficie queimada.
Baixo o lema "Por un Monte Galego vivo e con Futuro. Lumes Nunca Máis", as organizacións denuncian que o actual sistema de prevención e loita contra os incendios forestais está "fracasado", ao continuar centrando a maior parte dos recursos na extinción dos lumes, mentres a prevención, a restauración das zonas queimadas e a recuperación do medio rural reciben unha atención insuficiente.
O manifesto lembra que, segundo os datos do sistema europeo Copernicus, durante a vaga de incendios de 2025 arderon en Galicia 209.281 hectáreas, das cales 37.819 pertencían á Rede Natura 2000. As organizacións denuncian que, tras aquela campaña, apenas se desenvolveron actuacións de restauración sobre os terreos afectados, deixando os solos desprotexidos fronte á erosión e favorecendo o arrastre de sedimentos polas choivas cara aos fondos dos vales, ríos e zonas habitadas. As entidades advirten de que a perda da cobertura vexetal tras os incendios acelera a degradación do solo e incrementa o risco de inundacións e avenidas, ademais de provocar importantes perdas de biodiversidade e afectar gravemente aos ecosistemas forestais.
O texto tamén sinala que os incendios forestais teñen unha orixe multifactorial, na que inflúen o abandono do medio rural, determinadas políticas agrarias, a expansión dos monocultivos de especies de crecemento rápido e pirófitas, como o eucalipto, e unha mudanza climática que favorece incendios cada vez máis frecuentes e intensos. Neste sentido, a Plataforma considera insuficiente a actual moratoria para novas plantacións de eucalipto e piden que pase a ser indefinida.
Outro dos aspectos criticados é a planificación da campaña de alto risco de incendios de 2026. O manifesto denuncia atrasos nos traballos de prevención, na limpeza das faixas secundarias e a continuidade dun operativo que, segundo as entidades, segue apoiándose na externalización de servizos e na contratación temporal, sen reforzar un corpo profesional estable.
Os colectivos tamén cuestionan o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) 2026, ao considerar que mantén o mesmo modelo dos anos anteriores. Segundo recolle o documento, dos 213 millóns de euros de orzamento do plan, preto do 75 % destínase á extinción dos incendios, mentres que a prevención recibe unha partida sensiblemente inferior, a formación apenas conta con recursos específicos e non se contempla financiamento para a restauración das zonas queimadas.
Entre as principais demandas do manifesto figura a creación dun servizo público único de prevención e extinción de incendios, de xestión directa e dependente da Xunta de Galicia, integrado por persoal profesional e permanente que poida desenvolver labores de prevención durante todo o ano e de extinción na época de maior risco.
Ademais, requiren un plan inmediato de actuación e restauración das zonas queimadas, co obxectivo de evitar a erosión dos solos, favorecer a súa recuperación e impedir que cinzas e sedimentos continúen chegando aos ríos, ás rías e ás zonas habitadas, poñendo en risco tanto os ecosistemas como a seguridade das poboacións. Outra das peticións recollidas é a suspensión temporal da caza e da pesca nas áreas queimadas e tamén nos tecores limítrofes, durante o tempo necesario para permitir a recuperación das poboacións de fauna silvestre afectadas polos incendios.
As entidades esixen tamén políticas estruturais orientadas á conservación da biodiversidade, á restauración dos ecosistemas degradados e á recuperación dos usos tradicionais do monte, como o pastoreo. Neste marco, apostan por reforzar unha agricultura labrega, familiar e agroecolóxica que contribúa a garantir prezos xustos para o sector produtor, a fixar poboación no rural e a reducir o risco de incendios.
Do mesmo xeito, solicitan un maior apoio á propiedade forestal e, especialmente, ás comunidades de montes en man común, fomentando iniciativas que permitan unha xestión multifuncional do territorio e freen tanto o abandono como a expansión dos monocultivos de especies como o eucalipto ou o piñeiro. No documento tamén se denuncia que a Xunta continúe empregando o monte galego como espazo para proxectos de grandes corporacións enerxéticas, mineiras ou pasteiras, citando expresamente empresas como ENCE e ALTRI, e reclama que o territorio non favoreza intereses especulativos en detrimento do medio rural e da súa poboación.
As organizacións defenden igualmente a necesidade de protexer o monte e o rural de maneira permanente, especialmente tras os incendios, para evitar que a degradación ambiental favoreza intereses vinculados aos sectores enerxético, mineiro, urbanístico e forestal. Así coma unha moratoria indefinida para a plantación de eucaliptos e doutras especies pirófitas, acompañada da súa eliminación progresiva mediante alternativas para os propietarios, así como apoio económico para a conservación das masas forestais autóctonas, dos servizos ecosistémicos que prestan e doutros espazos de elevado valor ambiental e patrimonial.
A Plataforma reivindica que as administracións públicas proporcionen apoio técnico, económico e administrativo ás explotacións agropecuarias afectadas polos incendios de 2025 e polos que poidan producirse este ano, garantindo a súa continuidade e reducindo a carga burocrática. Finalmente, apostan por un novo modelo industrial da madeira e dos produtos forestais en Galicia, orientado ao peche dos ciclos produtivos e á xeración de maior valor engadido tanto para as madeiras de calidade como para o conxunto dos recursos que ofrece o monte galego.
Entre as 70 entidades que subscriben este manifesto atópase a Asociación Galicia Ambiental, que forma parte e respalda as reivindicacións recollidas no documento.