A orde de vedas publicada polo DOG revela máis tramos libres de pesca sen morte nesta tempada
A Xunta de Galicia ven de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde do 28 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da comunidade durante a tempada deste ano, na que destacan as novidades sobre a pesca sen morte. O artigo 58 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, establece que a consellería competente en materia de pesca continental establecerá para cada tempada as normas específicas de pesca das distintas especies pescables que habiten as augas continentais da comunidade. O mesmo artigo tamén indica que as normas de pesca fixarán as épocas hábiles, os tamaños mínimos, as cotas de captura, os cebos e as modalidades de pesca para cada especie en todas as augas continentais da Comunidade Autónoma.
O período de actividade comeza o 20 de marzo para a troita e o 1 de maio para o salmón e o reo. En canto aos cupos, mantéñense as cotas e tallas da última revisión. Cabe destacar que para a troita, serán de seis pezas en zonas de máis de 19 centímetros, catro nas de 21 e tres de 23 centímetros nas presas. Para o reo, dúas pezas de máis de 35 centímetros. En canto ao salmón, redúcese o cupo no río Ulla. O tope para toda Galicia é de 68 e, cando se alcance, védase a pesca desta especie.
A gran novidade que aporta a orde é o aumento considerable do número de tramos libres de espazos dedicados á pesca sen morte (aínda que apenas alcanzan o 10% das masas de auga da comunidade) sobre todo en Lugo e Ourense, provincias nas que a redución de capturas é máis acusada. Con carácter xeral, pesca sen morte está autorizada do 20 de marzo ao 31 de xullo.
Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto festivos nacionais ou autonómicos, que serán hábiles segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga. Ademais, a orde indica que as capturas accidentais, as de fóra da tempada hábil, as de exemplares de dimensión menor que a mínima e as capturas en tramos de pesca sen morte terán que ser devoltas á auga con rapidez, mantendo o peixe na auga mentres se libera do engado e podéndose valer dunha secadeira. Porén, nunca deberá ser suspendido verticalmente suxeitándoo polo rabo. De ser preciso, cortarase a sedela para liberar o peixe.
Valoración de AEMS-Ríos con Vida
Mark Adkinson, portavoz de AEMS-Ríos con Vida en Galicia, considera esto como un gran avance na recuperación dos ríos galegos, xa que vai a haber moitos máis tramos de pesca sen morte. “Todos os ríos que teñen pesca sen morte en Galicia están dando grandes froitos e grandes peixes”, mentres que a cantidade de pescadores que matan as troitas ten que ir a menos, porque “non matamos as troitas que queremos protexer”.