Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A nova Lei de incendios permitirá a creación de zonas estratéxicas de xestión e a figura da interface urbano-forestal

A futura Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia terá no mapa de risco a súa principal ferramenta para identificar as zonas estratéxicas de xestión e adaptar as medidas de prevención ás características de cada territorio. Así o explicou este martes a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, antes de presidir a reunión do Consello Forestal de Galicia no Pazo de Sergude, centrada no anteproxecto de lei analizado o día anterior polo Consello da Xunta.

Segundo a conselleira, a nova normativa pretende modificar o actual modelo de prevención, pasando dun sistema baseado principalmente nas faixas de xestión de biomasa a outro no que o risco territorial determine as actuacións necesarias en cada zona. O obxectivo será concretar tanto as áreas de alto risco como aquelas nas que será necesaria unha xestión estratéxica específica.

Gómez sinalou que os incendios do pasado verán deixaron novos aprendizaxes e puxeron de manifesto, segundo a Xunta, a necesidade de revisar en profundidade a normativa para adaptala ao contexto actual. O Consello Forestal xa coñecera unha primeira versión do texto legal.

A proposta aposta por un modelo que integra prevención, xestión forestal, protección da poboación e extinción. Entre as medidas expostas pola conselleira está o impulso de paisaxes cortalumes e en mosaico, nas que actividades como a agricultura, a gandaría extensiva ou a silvicultura, xunto coa presenza de frondosas autóctonas, contribúan a crear descontinuidades na vexetación e dificultar a propagación dos grandes incendios.

Novas zonas e maiores franxas de protección

Unha das novidades da futura lei será a creación do concepto de interface urbano-forestal, que abrangue os terreos con vexetación situados en solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable que limitan con terreos agroforestais. Nestes espazos, a xestión da biomasa converterase nunha obriga legal directa.

A Administración autonómica tamén poderá declarar zonas estratéxicas de xestión, consideradas áreas nas que un incendio pode presentar unha especial perigosidade. Pola súa banda, as franxas de protección arredor de núcleos, vivendas e determinadas infraestruturas poderán chegar ata os 100 metros.

O anteproxecto incorpora ademais medidas vinculadas á resposta ante situacións de perigo inmediato. Nestes casos, os axentes poderán ordenar directamente o desaloxo de espazos ou o peche de camiños sen ter que agardar pola tramitación administrativa ordinaria.

As novas instalacións industriais e gasolineiras situadas en terreos agroforestais ou na interface urbano-forestal deberán contar tamén cunha rede de hidrantes para a súa autoprotección. A proposta mantén o réxime sancionador actualmente existente e contempla a posibilidade de reducir as sancións cando a persoa propietaria restaure a parcela afectada.

Galicia mantense en situación de alto risco

Durante a súa intervención, María José Gómez lembrou tamén que Galicia continúa nunha situación de alto risco de incendios, ante a previsión de tempo seco e temperaturas elevadas nos próximos días. A conselleira asegurou que o operativo permanece «atento e en garda» e destacou a profesionalidade e o esforzo do persoal que o integra.

A Xunta apelou igualmente á colaboración cidadá para facilitar a detección dos incendios e a identificación dos seus posibles responsables. Como exemplo, Gómez referiuse á investigación dun incendio rexistrado recentemente en Ponteareas, no que un presunto incendiario foi posto a disposición da Xustiza.

Ante a situación meteorolóxica prevista, Medio Rural pediu extremar as precaucións e comunicar canto antes calquera incendio a través da aplicación Alume ou dos teléfonos 085 e 112.

Comparte esta noticia