A Mancomunidade Serra do Barbanza incorpórase a SOGAMA pese aos datos ambientais
O pasado 30 de decembro de 2025, a Xunta de Galiza fixo pública a incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza ao sistema de xestión de residuos de SOGAMA. A decisión implica que os residuos que até agora se trataban na planta de compostaxe e reciclaxe de Servia, no concello de Lousame, poderán pasar a ser xestionados nas instalacións de SOGAMA, fundamentalmente a través das plantas de transferencia máis próximas, situadas en Santiago de Compostela, Boiro e Cee.
O acordo foi asinado coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, polo presidente de SOGAMA, Javier Domínguez, e polo presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza e alcalde de Brión, Pablo Lago. Segundo a Xunta, a integración permitirá “optimizar recursos” e incorporar a Mancomunidade a “unha das plantas máis sostíbeis e eficientes de toda España”, en referencia ao complexo de Cerceda.
Porén, a decisión xerou unha fonda contestación social e ambiental. ADEGA cualifica SOGAMA como o principal exemplo de “greenwashing” da Xunta na xestión de residuos, ao considerar que o sistema se basea maioritariamente na incineración e no vertido, cunha recuperación de materiais moi inferior á doutros modelos existentes en Galiza.
Datos oficiais indican que SOGAMA tratou xa en 2025 arredor do 82% dos residuos xerados en Galiza. Coa incorporación da Serra do Barbanza, esa porcentaxe elevaríase até aproximadamente o 85% do total. Para os colectivos críticos, esta crecente concentración fai de SOGAMA a principal responsábel do incumprimento dos obxectivos galegos de reciclaxe, o que situou Galiza como a terceira comunidade autónoma pola cola en reciclaxe no Estado en 2022, só por diante de Ceuta e Melilla, segundo os últimos datos dispoñíbeis.
Ese balance contrasta cos resultados acadados por modelos alternativos como o do propio Barbanza ou o de Nostián, na Coruña. Mentres a reciclaxe no ámbito SOGAMA roldou arredor do 20% en 2022, tanto Barbanza como Nostián situáronse entre o 40% e o 50% nese mesmo ano.
O modelo de xestión da Mancomunidade Serra do Barbanza comezou a funcionar en 2003, tres anos despois da posta en marcha de SOGAMA. Ao longo de máis de dúas décadas, os datos históricos amosan que o sistema do Barbanza chegou a multiplicar por cinco os resultados medios de reciclaxe do complexo de Cerceda. Até 2010, a planta de Lousame superou o 60% de reciclaxe, unha cifra que descendeu posteriormente até o 35–40%, mais que se mantivo sempre moi por riba das porcentaxes rexistradas no conxunto do ámbito SOGAMA, que durante anos non pasou do 10%.
A partir de 2019, SOGAMA incrementou os seus índices até situarse entre o 15% e o 20%, tras investimentos superiores aos 31 millóns de euros destinados á mellora das instalacións. Eses investimentos, segundo denuncian os colectivos ambientais, foron negados aos modelos de Barbanza e Nostián, malia os seus mellores resultados.
A Xunta defende que SOGAMA ten capacidade para tratar o 100% do lixo galego, mais os datos técnicos amosan que a incineradora de Cerceda só pode asumir unha cantidade fixa de residuos. A redución da porcentaxe de vertido depende, en realidade, de que diminúa a entrada total de lixo ao sistema. Neste contexto, a integración da Serra do Barbanza non implicaría unha mellora ambiental, senón un simple cambio no destino final dos refugallos: os rexeites que até agora se enviaban ao vertedoiro de Sobrado dos Monxes pasarían a depositarse no vertedoiro da Areosa, en Cerceda.
Este vertedoiro, operativo desde 1995, acumula xa arredor de 6,5 millóns de toneladas de residuos, converténdose no maior vertedoiro da historia de Galiza. Nos últimos anos, SOGAMA vén enviando ao vertido unhas 200.000 toneladas anuais, unha cifra que podería incrementarse en aproximadamente un 10% coa entrada dos residuos do Barbanza.
No que respecta á reciclaxe e á compostaxe, os datos mostran un estancamento do modelo SOGAMA. As melloras introducidas en 2019 para recuperar materiais da bolsa negra tiveron un impacto limitado: a reciclaxe total pasou do 5,3% en 2018 ao 8,2% en 2020, o máximo histórico do sistema. Desde entón, a tendencia volveu ser descendente, até situarse no 6,7% en 2024. A planta de compostaxe posta en marcha por SOGAMA apenas conseguiu tratar, tras catro anos de funcionamento, o 0,1% dos residuos entrantes.
O acordo anunciado pola Xunta terá unha vixencia inicial de cinco anos, prorrogábel, mais deixa sen aclarar cuestións relevantes. Non se concreta se SOGAMA tratará unicamente os rexeites ou se a integración implicará o peche total das instalacións de Servia en Lousame, co conseguinte impacto laboral. O que si está confirmado é que entre o 60% e o 70% do lixo xerado na Mancomunidade, correspondente aos rexeites, cambiará de destino de vertedoiro a partir de 2026.
A nota oficial da Xunta tamén sinala que a Serra do Barbanza deberá adaptar o seu sistema de conterización e recollida ao modelo SOGAMA, un proceso iniciado xa en 2025 coa introdución do contedor específico para envases lixeiros, a chamada “bolsa amarela”. Segundo os datos dispoñíbeis, esta fracción apenas achegou entre o 1,9% e o 2,4% á reciclaxe total dos residuos xestionados por SOGAMA nos últimos anos, situándose entre os peores resultados do Estado español.
SOGAMA comprométese, así mesmo, a colaborar en campañas de información, formación e concienciación cidadá para mellorar a separación en orixe. Porén, as estatísticas históricas amosan que os resultados destas campañas foron sistematicamente inferiores aos acadados pola propia Mancomunidade Serra do Barbanza co seu modelo anterior.
Tras esta situación ADEGA cualifica a decisión como “un paso atrás” e atribúese ao que a organización define como “trumpismo ambiental” da Xunta. A entidade lembra que, mesmo dentro do ámbito SOGAMA, os concellos conservan capacidade para mellorar substancialmente os seus resultados mediante políticas locais de separación en orixe, recollida porta a porta e compostaxe doméstica e comunitaria, ferramentas que permitirían superar o obxectivo do 55% de reciclaxe fixado pola normativa europea para 2025. A responsabilidade última da xestión dos residuos, subliñan, continúa nas mans das autoridades locais, malia as limitacións impostas polo modelo autonómico.
Aquí deixamos un informe completo realizado por ADEGA sobre a incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza a SOGAMA: https://adega.gal/desc.php?id=...