Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A Lei do ciclo integral da auga entra en vigor este xoves en Galicia malia as críticas da oposición

A Lei do ciclo integral da auga entrará en vigor pasado mañá, 1 de setembro de 2022, malia o rexeitamento da oposición (BNG e PSdeG). Neste sentido, a Xunta de Galicia lembra que a auga “é un ben de primeira necesidade e esencial tanto para os seres humanos coma para a actividade económica de calquera sector, así como un elemento natural imprescindible para a vida e a configuración dos sistemas ambientais. Ademais, é un dos sinais de identidade cultural e natural de Galicia”. Polo tanto, a calidade das augas resulta esencial para proporcionar garantías de subministración á poboación. Para alcanzar os máis altos estándares na calidade das augas na comunidade, é preciso contar cun conxunto de infraestruturas que permitan “almacenar, potabilizar, distribuír e depurar a auga para evitar afeccións á natureza e reducir a súa pegada ecolóxica”.

Neste sentido, é necesario implantar “dunha forma decidida” diversos mecanismos para adaptar o ciclo integral da auga a un novo escenario de cambio global. Por este motivo, establécese un marco normativo para regular a política da xestión do ciclo integral da auga na Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga. O obxectivo principal deste texto normativo é, segundo a Xunta, ofrecer aos concellos “unha solución definitiva, eficaz, profesionalizada e igualitaria para a prestación dos servizos de saneamento, depuración e abastecemento. Unha alternativa, de carácter voluntario, para aquelas entidades locais que teñan dificultades contrastadas para ofreceren un bo servizo á súa cidadanía”.

Porén, a normativa non recibe o apoio da oposición. O Grupo Parlamentario do BNG non apoia a lei porque “temos grandes diferenzas na forma e no fondo”. Así, a primeira discrepancia que destaca é a do déficit de participación, xa que no proceso previo “confunden intencionadamente” os trámites perceptivos de información pública cun verdadeiro proceso participativo que implique institucións directamente afectadas e sectores sociais concernidos. Ademais, tamén tampouco hai participación no trámite parlamentario. O BNG destaca “o ninguneo e anulación da cámara, das posibilidades que contempla o regulamento para a participación cidadá na elaboración e aprobación dos proxectos de lei”. Ademais, lembra o “primeiro intento frustrado” de aprobación de lei de creación da sociedade para a xestión do ciclo integral da auga (bautizada como a SOGAMA da auga) que chegou a aprobarse como anteproxecto polo consello da Xunta “e logo quedou no dique seco”.

A segunda eiva que subliña o Grupo Parlamentario é a falta dun grande acordo institucional e social en relación coa auga. Así, indica que o método do PP “non é o pacto, é o impacto, a imposición, o ordeno e o mando”, pretendendo aprobar este proxecto de lei sen ter en conta a opinión do municipalismo galego; ignorando o ditame do CES; e sen cumprir o pacto local da auga. O Bloque tamén destaca que “pretenden aprobar este proxecto de lei contra as comunidades veciñais de augas, non conten co BNG para iso”.

En canto ás cuestións de fondo, o BNG discrepa co nome e o contido da lei, xa que non é unha lei do ciclo integral da auga, senón do ciclo urbano da auga, das infraestruturas de captación, subministro, saneamento e depuración. Así, o Grupo Parlamentario lembra que “o BNG defenda unha concepción moito máis ampla e integral, baseada na nova cultura da auga, nas infraestruturas verdes”. Ademais, o BNG tamén indica que “esta lei é o recoñecemento dun fracaso, aínda que nunca o van dicir nin asumir”. Destaca que está sen aprobar o plan galego de abastecemento e o plan galego de saneamento, sendo o principal problema que o modelo de infraestruturas conta con tecnoloxías desfasadas e que non se adaptan á realidade (respondendo ademais aos intereses das grandes construturas).

O BNG tamén afirma que a lei non se adapta nin á realidade galega nin ao contexto do cambio climático. Así, óptase por solucións centralizadas, grandes redes de saneamento e depuración (moi custosas e ineficaces). O Grupo Parlamentario revela que hai un plan oculto, a privatización. Neste sentido, a normativa é “un ataque ao rural, á xente do rural, ás solucións propias do rural como son as traídas veciñais de augas”. Por outra banda, o Grupo Parlamentario indica que a lei tampouco está pensada para o actual contexto económico e social, sendo unha normativa recadatoria (por iso se coñece como “lei do sablazo a auga”) e coercitiva (pola imposición de obrigas ao concellos).

Para o Grupo Parlamentario do PSdeG, a Xunta de Galicia pretende regular por lei unha proposta que non foi consensuada cos principais afectados: os concellos. Así, establece unilateralmente como teñen que exercer tanto as deputacións como os concellos as competencias que a lei básica lles outorga, polo que vai en contra do principio de autonomía local. Pola súa parte, o PSdeG tamén critica que a Xunta contribúe unicamente cun terzo dos custos das obras, asumindo os concellos os outros dous terzos. Neste sentido, o PSdeG lembra que a maior parte das actuacións e investimentos de Augas de Galicia son financiadas de fondos propios, que non sempre están ao alcance da maioría dos concellos, fundamentalmente os de menor tamaño. A boa xestión das infraestruturas que permitan prestar eses servizos con calidade e eficiencia precisa dunha capacidade técnica e económica da que carecen a maioría dos concellos galegos.

Comparte esta noticia