A importancia da conservación da lamprea en Galicia
A temporada de pesca da lamprea, que adoita realizarse de xaneiro a abril, comeza este ano sen apenas capturas no Ulla. Esta pesca realízase nos esteiros, sobre todo na desmbocadura do Miño, e faise principalmente con redes ou nasas (os denominados bultróns). Segundo se establece na orde da Xunta de Galicia, as redes solamente poden estar colocadas dende as 20:00 horas ata as 8:00 horas, e queda prohibida a captura entre as 8:00 horas dos sábados ata as 20:00 horas dos luns. Segundo Fernando Cobo, director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con (EHEC), existe un incremento da presión da pesca da lamprea ao aumentar do mesmo xeito a súa demanda.
Ademais, Cobo explica que as poboacións de lamprea en Galicia son as que teñen un mellor estado en todo o contexto atlántico-europeo, de aí a necesidade de conservar a especie. Tamén engade que case todos os ríos atlánticos e do norte da comunidade galega teñen poboacións de lamprea, que nalgúns casos poden ser localmente abundantes. O que acontece é que unicamente se pesca en ríos moi concretos, destacando o Ulla e o Miño. O director da EHEC fai referencia ao descenso de poboacións da especie, que pode depender das condicións locais ou de se existe algún episodio contaminante e alteracións singulares.
En referencia ao anterior, Cobo resalta que a lamprea podería manter as poboacións no estado actual cunha regulación e vixilancia axeitadas. En canto ás medidas a seguir para a súa conservación, destaca que son xerais para todos os peixes migradores, uns dos grupos de peixes máis ameazados neste momento no contexto mundial. En primeiro lugar, fai referencia á diminución de obstáculos á migración como os encoros, aínda que sexan de pequeno tamaño. Por outra banda, destaca a mellora de calidade da auga dende o punto de vista biolóxico, é dicir, a cantidade de materias de suspensión e de materia orgánica que hai na auga e que pode producir problemas nos ríos.
Pesca da lamprea no río Tea
A Xunta de Galicia abriu o pasado 7 de xaneiro o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesquerías do río Tea. O período hábil extenderase ata o 22 de maio e a realización fixouse en días alternos: os luns, mércores e venres dende as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados dende as pares. Prohíbese a pesca dende as 8:00 horas dos domingos ata as 21:00 horas dos luns. Así, a pesca permítese dende as 21:00 horas do día autorizado ata as 8:00 horas do día seguinte.
Segundo a Xunta, a lamprea é unha “especie piscícola moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no que se seguen utilizando procedementos e arte tradicionais que están prohibidos para o resto de especies”. Polo tanto, cada ano establécese un réxime especial para a súa pesca co obxectivo de realizar un aproveitamento “específico e ordeado”. Así, as lampreas péscanse dende estacadas autorizadas previamente e, en cada unha delas, poden pescar catro persoas.
Sobre a especie
A orixe da lamprea remóntase a 400 ou 500 millíns de anos, e apenas evolucionou dende ese momento. A súa apariencia é distinta ao resto dos peixes: caracterízase por un corpo cilíndrico de cor gris e amarelo, sen escamas e sen apenas esqueleto, soamente un cartílago lonxitudinal. Durante os seis primeros anos de vida, a lamprea vive no río, alimentándose de algas microscópicas. Despois, diríxense ata o mar e, pasados dous anos, voltan ao río. A súa reprodución realízana construíndo niños no fondo dos ríos, adheríndose coas súas ventosas ás rochas.
Na Península Ibérica existen tres especies de lampreas: a lamprea mariña, a lamprea de río e a lamprea de arroio, e todas están ameazadas. Clasifícanse como Vulnerable, En Perigo Crítico ou Extinta nas diferentes áreas peninsulares, debido principalmente á perda do hábitat e á fragmentación das súas poboacións. Os mencionados encoros ou presas son probablemente os máis significativos, causando unha perda de hábitat que ronda o 80% na maioría das concas fluviais. Cabe destacar que a lamprea de río (Lampetra fluviatilis) unicamente se atopaba en España na conca do Texo. Despois da construción do encoro de Cedillo en Cáceres (1976) bloqueouse o paso de lampreas dende Portugal e a última en ser avistada foi en 1974 no río Guadarrama en Chozas de Canales (Toledo).
Valor etnográfico e gastronómico
A tradición da pesca da lamprea conta con séculos de antigüidade. Pódese apreciar nas pesqueiras que deixaron os romanos na beira do río. Trátase de construcións cun grande interese arquitectónico e etnográfico, que se seguen empregando na actualidade para a captura da lamprea. O río Miño é o que maior concentración destas construcións mantén e sobre todo no curso medio e baixo do río. Onde máis abundan é en Arbo, o municipio con maior tradición na arte da pesca da lamprea. Neste concello sábese que o ano 1908 había contabilizadas máis de 700 pesqueiras nun tramo de apenas 25 quilómetros.
As pesqueiras, antigamente propiedade dos monasterios, adentrábanse no río nos lugares máis aptos para a pesca da lamprea, aproveitando saíntes rochosos e lugares con boa corrente para a osixenación da auga. Poden chegar ata os 20 metros de longo e ata os 6 metros de altura e hainas de dous tipos: unhas cun só corpo e outras formadas por varios. Cada un destes corpos recibe o nome de poios e están orientados para dominar as augas e obrigar á lamprea ao paso por eles.
Os romanos xa consideraban a lamprea como un manxar e, na actualidade, segue a ser moi apreciado. Entre os primeiros meses do ano, moitos restaurantes galegos incúen a lamprea nas súas cartas, xa que existe unha gran demanda desta especie respecto á súa reducida captura. É un peixe cun gusto moi forte, peculiar e intenso, indicado para os amantes dos sabores distintos. Ademais, é un prato de temporada que admite diversas preparacións. A receita tradicional é á bordelesa, na que o peixe cócese nun adobo feito a base da súa propia sangue.