A Fiscalía investiga á Xunta de Galicia pola vaga de lumes deste verán
A Fiscalía ven de remitir resposta ás denuncias presentadas polas diversas entidades que conforman a Plataforma Por un Monte Galego con Futuro, informando que incoará dilixencias coa fin de determinar a posible comisión dun delito contra o medio ambiente dos artigos 325 e 326 do Código Penal, relativo á protección da flora. A Fiscalía lembra que, en coñecemento dun “feito aparentemente delitivo, ben directamente ou por ser representada unha denuncia ou atestado, practicará o mesmo ou ordenará á policía xudicial que practique as dilixencias que estime pertinentes para a comprobación do feito ou da responsabilidade dos partícipes no mesmo”, como así confirma que decidiu.
As entidades da Plataforma Por un Monte Galego con Futuro denunciaban “o desleixo do goberno da Xunta de Galiza ante a vaga de lumes que nos meses de xullo e agosto produciran graves efectos nos montes e ecosistemas de máis valor de Galiza”. Na súa denuncia sinalaban á Consellería do Medio Rural pola súa inacción ante uns lumes que arrasaron ecosistemas de gran valor. Ademais, apuntaban que o dano producido polos incendios forestais agravouse debido a que a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 están sen facer a día de hoxe.
Xunto a isto, denunciaban que só se executara, á altura do mes de agosto, parte do Plan de prevención de incendios forestais presentado o 5 de maio de 2022 polo entón Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cun orzamento de máis de 180 millóns de euros. Segundo a Plataforma, este plan tiña previsto un investimento de 33 millóns de euros para prevención e intervir en 58.000 hectáreas de montes, 58.000 quilómetros de pistas, etc.
Menor repercusión de se ter activado o “máximo risco”
Para a Plataforma Por un Monte Galego con Futuro, o alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido moito menor de activarse todo o operativo de "Tempada de Máximo Risco de Incendios" tal e como estabelecía o PLADIGA 2022. Ademais, indica que se debían ter adoptado as medidas complementarias estabelecidas nos protocolos de Protección Civil.
A Plataforma afirmaba tamén, no escrito dirixido á Fiscalía, que “os indicadores diarios de incendios forestais permitían vaticinar que, en caso de focos iniciais de incendio forestal, estes podían converterse con facilidade en Grandes Incendios Forestais, como así lamentabelmente pasou a partires do 14 de xullo”, e que “producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes coa fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais que se podían producir”. Por un Monte Galego con Futuro chamaba tamén a atención sobre a “dramática” situación vivida en aldeas e poboacións, destacando tamén que o operativo para extinguir os incendios estivo “desbordado desde o principio pola falla de medios técnicos, materiais e humanos”.
Grao de mobilización do operativo insuficiente
Outra das consideracións que aportaron as entidades na súa denuncia foi que o grao de mobilización do operativo de prevención e extinción de incendios foi equiparablel ao que se activa durante unha precampaña nos meses de marzo, abril, maio, xuño. “Mentres, montes enteiros ardendo, os espazos naturais de máis valor de Galiza calcinándose e aldeas afectadas con casas queimadas”. Ademais, recollían datos como as case 40.000 hectáreas calcinadas no mes de chullos, “sen que houbera un protocolo de actuación para minimizar os efectos dos incendios sobre a fauna ou para recoller os animais feridos e tratar de curalos nos centros de recuperación de fauna salvaxe”.