Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A costa galega ao límite: Greenpeace denuncia a destrución “custe o que custe” fronte ao abandono institucional

Un novo informe da organización ecoloxista Greenpeacealerta sobre o deterioro irreversible do litoral galego pola combinación do cambio climático, o urbanismo e a presión turística, mentres a Xunta aposta por modelos caducos e depredadores do territorio. Con contundencia e preocupación, Greenpeace volve poñer o foco no litoral galego na presentación dunha nova edición do Informe Destrución custe o que custe 2025: impactos do urbanismo e o cambio climático no litoral.

Na súa presentación, Elvira Jiménez, coordinadora de campañas da organización, lanzou unha advertencia clara: “Mentres os impactos climáticos nos mostran a súa crueza nesta rexión, a Xunta de Galicia mira cara a outro lado, recuperando modelos litorais xa obsoletos e poñendo ao límite os ecosistemas costeiros que nos protexen”. As súas palabras resumen o contido dun documento que sinala á costa galega como un dos espazos máis ameazados do Estado.

Publicado por primeira vez no ano 2000, o informe analiza neste 2025 os efectos combinados do urbanismo descontrolado e do cambio climático, baseándose en datos científicos, mapas satelitais e análises específicas por zonas. Galicia, cunha costa de 2.555 km (a máis longa de España), concentra unha parte relevante das alertas, tanto pola súa exposición natural aos fenómenos climáticos extremos como polo modelo de xestión que, segundo Greenpeace, agrava a súa vulnerabilidade.

A organización ecoloxista detalla no informe os principais impactos climáticos xa en marcha: suba do nivel do mar, aumento da temperatura da auga, erosión costeira, perda de biodiversidade e fenómenos meteorolóxicos cada vez máis extremos. Todo isto está a transformar a realidade da costa galega, poñendo en risco tanto os ecosistemas como as actividades económicas que dependen deles, nomeadamente a pesca e o marisqueo.

Greenpeace insiste en que moitas das zonas que serven como barreira natural contra estes efectos (dunas, humidais, praias virxes) xa foron destruídas por anos de urbanización, infraestruturas mal planificadas e falta de protección efectiva. Denuncian que a Xunta continúa a promover “proxectos obsoletos” mentres a realidade ambiental “cambia a un ritmo vertixinoso”.

Urbanismo e turismo sen freo

Segundo o informe, máis do 40 % da costa galega carece de protección efectiva, o que permite a ocupación de solo e a construción en áreas sensibles. A isto súmase unha “política turística expansiva” baseada no crecemento continuado, que está saturando espazos naturais e tensionando servizos públicos nas vilas costeiras.Greenpeace critica especialmente a estratexia da Xunta de promocionar Galicia como “refuxio climático”, sen ter en conta o estado real dos seus ecosistemas e a capacidade de carga do territorio.

A situación nas Rías Baixas é paradigmática xa que rexistráronse récords de visitantes en 2024, un 41 % das estadías turísticas de Galicia concéntranse nesta zona, e as vivendas de uso turístico disparáronse. O resultado é un cóctel de “tráfico colapsado, residuos sen xestionar, vivenda encarecida e desprazamento da poboación local”, que repite erros xa coñecidos noutras zonas do Mediterráneo.

Ademais, os plans de ampliación portuaria e de construción de novas instalacións para cruceiros ou amarres deportivos están a modificar a fisonomía da costa, como é o caso de Baiona ou o porto de Marín, aumentando a presión sobre hábitats fráxiles.

A ameaza industrial: o caso Altri

Un dos puntos máis alarmantes do informe é o proxecto de macrocelulosa que a empresa Altri pretende instalar en Palas de Rei, a uns poucos quilómetros da costa. Greenpeace alerta de que se trata dun dos peores proxectos con afección sobre o litoral da Península: usará ata 46 millóns de litros de auga ao día e “verterá 30 millóns diarios ao río Ulla”, que desemboca na ría de Arousa, epicentro do marisqueo galego. “A costa gallega non merece seguir deteriorándose. Proxectos como o de AltriMacrocellulose tamén terán un grave impacto na costa, algo que xa non podemos permitirnos*”, declarou Jiménez.

A mobilización cidadá contra este proxecto (e tamén contra a continuidade da actividade de ENCE na ría de Pontevedra) mantense viva. Greenpeace lembra que a prórroga a ENCE foi unha decisión do goberno de Mariano Rajoy en 2016, e actualmente está pendente dun recurso ante o Tribunal Constitucional.

Un futuro en risco

O informe tamén ofrece previsións científicas preocupantes. A temperatura do mar podería aumentar 0,2 ºC para mediados de século e ata 0,6 ºC antes de 2100 na franxa costeira do norte de Galicia. O nivel do mar subirá ao redor de 25 cm, provocando inundacións en zonas especialmente vulnerables como a ría de Ferrol, a praia do Orzán, o litoral de Corrubedo ou a ría de Pontevedra. En total, identifícanse “172 áreas de risco de inundación significativa”.

O quecemento das augas atlánticas tamén está a modificar a distribución das especies pesqueiras. A sardiña, por exemplo, desprazouse cara ao norte, mentres que especies invasoras do sur gañan terreo. Os bivalvos, base do marisqueo, sofren mortaldades masivas pola combinación de temperaturas extremas e contaminación. Só na ría de Arousa, a produción de berberecho caeu un 93 % en 2024, e a de ameixa fina un 86 %.

Propostas urxentes

Fronte ao deterioro acelerado da costa galega, Greenpeaceconsidera imprescindible adoptar unha batería de medidas ambiciosas e urxentes que permitan frear a súa degradación e garantir a súa resiliencia fronte ao cambio climático. A organización ecoloxista insiste en que a acción climática debe ser prioritaria, cunha aposta decidida por abandonar os combustibles fósiles e o uranio, e substituílos por un sistema enerxético baseado en fontes renovables, limpas e sostibles. Só así se poderá reducir a vulnerabilidade das zonas costeiras e afrontar con garantías o incremento do nivel do mar, a frecuencia dos temporais e o colapso dos ecosistemas mariños.

A renaturalización do litoral preséntase como outra das claves. Greenpeace defende que preservar os tramos de costa virxe que aínda sobreviven, especialmente as zonas húmidas, as praias e as dunas, é esencial para manter as barreiras naturais fronte ás inundacións e o avance do mar. A restauración destes espazos, guiada por solucións baseadas na natureza e non por obras de infraestrutura gris, ofrece non só maior eficacia, senón tamén un custo moito menor. Fronte á tendencia de investir en rexeneracións artificiais de praias ou en manter estruturas obsoletas, a organización reclama intervencións pensadas a longo prazo, que reforcen os ecosistemas e garantan a súa función protectora.

Outro dos ámbitos nos que é preciso actuar con determinación é a ordenación territorial. Os ecoloxitaspropón utilizar a cartografía de riscos e impactos para evitar a urbanización de zonas expostas a inundacións ou temporais. Isto implica paralizar os proxectos urbanísticos en tramitación que afecten a áreas vulnerables, impedir que se use a construción de infraestruturas como excusapara declarar chan urbanizable, e rexeitar a ocupación de terreos que só foron artificialmente “protexidos”. O obxectivo é reducir ao máximo a exposición ao risco, evitando repetir erros do pasado que hoxe condicionan gravemente a adaptación ao novo escenario climático.

Por último, a adaptación ao cambio climático debe ser transversal, local e participada. Subliñan que cada municipio debe realizar unha análise específica das súas vulnerabilidades e deseñar plans de adaptación realistas, que conten co financiamento necesario e coa implicación activa da veciñanza. Sen unha planificación democrática e comprometida, a resposta fronte ao cambio climático será ineficaz e, o que é peor, inxusta.

Así mesmo, a organización reclama un cambio profundo na política turística. A lóxica do crecemento constante e do turismo masivo resulta incompatible cunha xestión sostible da costa. É necesario abandonar a obsesión polas cifras e apostar por un modelo baseado na calidade, no respecto ambiental e na convivencia coa poboación local. Para iso, Greenpeace propón establecer moratorias para novas vivendas turísticas, erradicar a oferta ilegal, regular o acceso a espazos naturais fráxiles, limitar a entrada de vehículos nas illas, reducir o tráfico aéreo e reforzar os servizos públicos.

Comparte esta noticia