A Coruña sitúase como a segunda cidade de España con máis contaminación de partículas PM10
A Coruña é a segunda cidade en España -despois de Marbella- con maior contaminación de partículas PM10, cun 31,2 µg/m3. Son datos do Observatorio de Sostenibilidad (OS), que analizou nun informe a calidade do aire nas maiores 80 cidades españolas a partir da Agencia Europea de Medio Ambiente en base a tres contaminantes clave: H02, PM10 e PM2,5. As PM10 poden definirse como aquelas partículas sólidas ou líquidas de elementos como pó ou cinzas, dispersas na atmósfera e cuxo diámetro varía entre 2,5 e 10 µm. Están formadas principalmente por compostos inorgánicos como silicatos e aluminatos, metais pesados e material orgánico asociado a partículas de carbono. Caracterízanse por posuír un pH básico debido á combustión non controlada de materiais.
O informe revela que existe un elevado nivel de contaminación nas cidades españolas, á vez que se acumulan as evidencias dos efectos na súde desa mala calidade do aire. Así, a cidade coruñesa non é a única en Galicia que presenta problemas de polución. Lugo é e cuarta cidade española que máis empeora en contaminación en PM10 (por debaixo de Albacete, Santa Cruz de Tenerife e Zaragoza), cun incremento do 20%. Pola súa parte, Vigo é unha das que máis incrementa a súa contaminación en N2, cun 14%.
O Observatorio de Sostenibilidad fai unha serie de recomendacións en canto á contaminación nas cidades españolas. Respecto ao contaminante NO2, o informe indica que é preciso diminuír o tráfico: establecer zonas peatonís, uso de bicicleta, motos e coches eléctricos, transporte público non contaminante, etc. Ademais, indica que existe un remanente de NO2 que debe ser monitoreado, vixiado e identificado para realmente mellorar a calidade de aire das cidades. O informe tamén conclúe que é necesario avaliar dende a óptica de políticas públicas cales son as mellores accións para diminuír estes niveles de NO2 e de partículas que teñan un menor impacto na poboación. Segundo o Observatorio, unha mellora na calidade do aire significa mellor saúde para todos, menores emisións e menor efecto sobre o cambio climático.