Saltear al contenido principal
A Xustiza Amoesta á Xunta Por Negarlle A ADEGA Acceso A Expedientes Sancionadores Sobre Plantacións Ilegais

A Xustiza amoesta á Xunta por negarlle a ADEGA acceso a expedientes sancionadores sobre plantacións ilegais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de ratificar a sentenza do Xulgado contencioso-administrativo nº2 de Lugo polo que se admite a demanda de ADEGA contra a resolución da Consellería de Medio Rural que denega á asociación ecoloxista ser parte interesada en dous procedementos sancionadores relativos a plantacións ilegais de eucaliptos no concello de Begonte. Con este fallo, ADEGA consegue de novo vencer nos tribunais a pretensión da Administración pública de dificultar o acceso á información contida en expedientes administrativos que afectan directa ou indirectamente ao medio ambiente galego.

 

O fallo do TSXG é relevante xa que confirma que ADEGA está totalmente lexitimada para ostentar a condición de interesada en todos aqueles expedientes sancionadores que teñan a ver con plantacións ilegais e, por extensión, con todos aqueles “feitos que comprometan directa ou indirectamente o medio ambiente”. Acadaría a condición de interesada en virtude da aplicación do réxime xurídico específico de acceso e participación pública e acceso á xustiza en materia ambiental derivado do Convenio Aarhus de 1998, ratificado polo Estado español en 2004, e regulado dous anos despois a través da Lei 27/2006. Esta normativa permite ás entidades sen ánimo de lucro que cumpran os requirimentos establecidos nos artigo 23 da devandita lei a “recorrer omisións imputables ás autoridades públicas que vulneren as normas relacionadas co Medio Ambiente” e, por tanto, concédelles o dereito a persoarse tamén nos expedientes sancionadores. Así, segundo o TSXG, a denegación por parte da Consellería de Medio Rural da condición de interesada a ADEGA e do acceso á información contida neses expedientes, estaría furtando o dereito da entidade ecoloxista de poder “impugnar ou replicar a decisión da administración nos procedementos sancionadores, que podería ser contraria á protección do medio ambiente”, principal obxecto social de ADEGA.

 

O absurdo e inxustificable argumentario da Xunta

 

A Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo, mediante escrito do 23 de marzo de 2017, fundamentaba a súa negativa de dar acceso á información solicitada pola asociación ecoloxista ADEGA ao entender que dita información non ten carácter ambiental, malia a atender aos procedementos sancionadores por dúas plantacións ilegais, engadindo que tampouco é unha información “ambientalmente relevante”. Incluso chega a cuestionar que unha plantación ilegal (neste caso de eucaliptos, tras corta tamén irregular de bosque autóctono) teña que ter necesariamente unha incidencia ambiental.

 

Do mesmo xeito, no escrito de oposición á demanda presentado pola Xunta, a Consellería de Medio Rural considera satisfeitos os dereitos de información de ADEGA, tras serlle indicado unicamente en que estado de tramitación se atopaban os procedementos sancionadores. A Xunta advirte a ADEGA da inutilidade de acudir a instancias xudiciais, gabándose de que cando chegue o fallo, aínda sendo favorable á demandante, os procedementos sancionadores xa estarían resoltos.

 

Maior opacidade administrativa dende o cambio de Xefatura Territorial

 

A opacidade da xefatura territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo con respecto á tramitación das denuncias por cortas de arboredo autóctono e plantacións ilegais con eucalipto fíxose especialmente patente desde o nomeamento da alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal, como Xefa Territorial en 2017. Dende entón, este departamento aplícalle a ADEGA por defecto o silencio administrativo diante de calquera solicitude expresa de información ou de personamento en expedientes administrativos. Precisamente, foi coa súa chegada cando se produciu a primeira denegación de admisión como parte interesada a ADEGA nos expedientes sancionadores incoados polo incumprimento da Lei de Montes de Galicia.

 

ADEGA afirma que seguirá exercendo o seu dereito á información ambiental “fronte aos intentos dalgúns cargos públicos de coartar o acceso a este tipo de información ou de vulnerar a lexislación co ánimo de favorecer aos infractores fronte a protección do medio ambiente galego”.

Volver arriba