Saltear al contenido principal
A Xunta Mantén Aberta A Posibilidade De Autorizar O Proxecto Mineiro De Touro Que Rexeitou O Pasado Febreiro

A Xunta mantén aberta a posibilidade de autorizar o proxecto mineiro de Touro que rexeitou o pasado febreiro

Segundo Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), o proxecto mineiro de Touro inicialmente rexeitado segue artificialmente aberto, pendente dun último trámite. Industria resolveu denegalo en febreiro pasado baseándose nas consideracións dunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable. Cobre San Rafael recurriu en reposición en marzo e a administración dispoñía dun mes para resolver. “Como non o fixo en prazo, o recurso ficou desestimado, mais a lei obriga a ditar resolución expresa aínda que sexa extemporánea, e esta non ten por que ter o mesmo sentido que o silencio”. Polo tanto, Industria aínda podería estimar o recurso da e aprobar o proxecto de reapertura da mina tal como pretende Cobre San Rafael.

 

Para a organización ecoloxista, a Xunta, logo de deixar pasar 6 meses sen ter resolto o recurso da mineira, “dá agora ás partes interesadas, asociacións e colectivos da ría 10 días para alegar. 10 días para a cidadanía e 6 meses para a empresa durante os cais seguíu vertendo augas con altos contidos de metais pesados que contaminan unha bacía fluvial de 65 km2”. A ADEGA chámalle a atención a “oportuna demora” da Xunta para resolver un recurso en tempo e forma, que deu azos a unha empresa ao manterlle vivo un proxecto que tiña rexeitado por dúas veces. Ademais, a asociación pregúntase “se esta mesma preguiza institucional rexe para outros procedementos interesados pola cidadanía e pequenas empresas, ou só para determinadas corporacións”.

 

No texto do recurso presentado en marzo pasado, Cobre San Rafael carga contra a validez da DIA emitida por Medio Ambiente, cuxas consideracións foron determinantes para o rexeitamento do proxecto por parte de Industria. A mineira insinúa que Medio Ambiente actuou arbitrariamente ao facer unha «interpretación sesgada» dos informes de Augas de Galicia. En palabras de ADEGA, os informes de Augas eran “demoledores, cuestionando practicamente todos os aspectos do proxecto”. Sobre a calidade das augas, consideran inaxeitados os desvíos de canles, cuestionan a anulación das cabeceiras e o o baleirado do «lago de Vieiro», indican unha falla de metodoloxía e botan de menos un plano de continxencia para previr posíbeis accidentes.

 

Dende ADEGA, “exhortamos á Xunta a rematar con este culebrón, resolvendo denegar de vez e de xeito explícito o recurso de reposición de Cobre San Rafael”. Anima tamén á mineira a acudir aos tribunais se sospeita dunha «actuación arbitraria» por parte da administración, como ten feito a organización ecoloxista e a Plataforma da Ría de Arousa pola contaminación persistente e secular dos ríos arredor da mina.

Volver arriba