Saltear al contenido principal
A Xunta Destaca O Compromiso Coa Reciclaxe De Vidro En Galicia

A Xunta destaca o compromiso coa reciclaxe de vidro en Galicia

Os xogos de palabras seguen a dominar na presentación de resultados de reciclaxe en Galicia en 2020. Se a semana pasada se falaba de peso de contedor amarelo (ao dar cifras falsas de reciclaxe de envases,  por aportarse peso de contador non peso de material efectivamente reciclado dentro do convenio Ecoembes pola planta de Sogama) esta semana pasouse a falar de vidro, pero utilizando un “novo baremo”, o de envases por usuario. Un dato que, ademáis de imposible de cuantificar de xeito efectivo, é irrelevante por canto que o que importa son os quilogramos recuperados por habitante (tanto en aportación como recuperados en planta) e os recuperados para a reciclaxe respecto aos que se poñen en circulación.

 

Segundo a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, cada galego depositou durante o ano pasado unha media de 63 envases de vidro nos contedores verdes, unha cifra que superaría á media española (61 por persoa).  Malia o impacto da pandemia na hostalaría, responsable da xeración de máis do 50% deste tipo de residuos, a reciclaxe de vidro conseguiu aumentar a nivel doméstico.

 

Os estudos encargados por Ecovidrio,  entidade que xestiona o reciclado destes residuos en España, conclúen que “durante o pasado exercicio os cidadáns consumiron máis vidro nos seus fogares que outros anos pero tamén o reciclaron con maior intensidade”. Polo tanto, fronte a un descenso estimado nun 11% da circulación deste tipo de envases a nivel nacional, a caída do material recollido a través do contedor verde na comunidade foi de tan só un 5%. Así, a Xunta tamén explica que os cidadáns galegos “depositaron de forma separada case 50.000 toneladas de envases de vidro (49.380 toneladas) o que supuxo por termo medio uns 18,3 kg por habitante, é dicir, medio quilo máis que a media española”.

 

A Consellería tamén resalta que o ano pasado se puideron recuperar a maiores 20.600 toneladas deste material recuperadas no complexo medioambiental de Sogama en Cerceda. Este dato supuxo un incremento do 8,5% respecto ao do ano anterior, onde as achegas de vidro de Sogama foron de 18.999 toneladas

 

Segundo a Xunta, grazas ao vidro que se recuperou ao longo de 2020 só en Galicia “evitouse a emisión de 40.588 toneladas de CO2 equivalentes a retirar case 19.000 coches da circulación durante un ano; impediuse a extracción de 83.976 toneladas de materias primas da natureza equivalentes a máis de 8 veces o peso da Torre Eiffel; e aforráronse 49.980 MWh de enerxía, o equivalente ao consumo enerxético de todos os hospitais de Galicia durante máis de dous meses”.

 

 

 

 

Volver arriba