skip to Main Content
Vilaboa, O Concello De Galicia Líder En Compostaxe

Vilaboa, o concello de Galicia líder en compostaxe

Vilaboa sitúase como un exemplo a seguir en materia de compostaxe. Para conseguilo, o concello do municipio pontevedrés propuxo un replantexamento da xestión dos residuos no ámbito municipal. “Non só dende o punto de vista económico, co obxectivo de reducir o déficit actual; senón tamén dende o punto de vista medioambiental e a transición cara a unha economía circular. O dito obxectivo foi o que motivou a adhesión ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra”, afirman Álvaro Ardá Pazos e Alejandro Leiro Sixto, técnicos en biorresiduos no concello de Vilaboa (Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente, Aforro Enerxético e Infraestruturas).

 

Ademais, explican que as accións realizadas para desencadear un cambio de sistema de xestión de residuos foron dotar á poboación de compostadores individuais; instalar centros de compostaxe comunitaria a situar principalmente en produtores singulares; fomentar a trituración de restos vexetais; realizar charlas informativas e campañas de sensibilización, coñecemento e difusión do novo sistema; e establecer un sistema de reciclaxe de materia orgánica accesible a todos os veciños e produtores singulares. Entre os obxectivos do proxecto e das súas actuacións destaca a prevención da xeración de residuos, sustraer a fracción máis cuantiosa do sistema convencional de recollida de residuos, aumentar a taxa do resto das fraccións, baixar ou conxelar o prezo da taxa do lixo para a cidadanía, mellorar a calidade ambiental do concello e concienciar á cidadanía.

 

Segundo Ardá e Leiro, Vilaboa leva dende 2016 (a través do Plan Revitaliza) apostando por un modelo de xestión de residuos baseado na compostaxe como tratamento dos biorresiduos. “A dispersión e ruralidade da poboación fai que a opción preferente para a separación e tratamento da FORM sexa a compostaxe individual, podendo ser esta complementada pola compostaxe colectiva para grandes productores, e tamén cunha  zona de compostaxe municipal para restos de podas e desbroces”. Así, aseveran que estes cambios na xestión de residuos municipais teñen como finalidade “cumprir os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica en canto a porcentaxes de residuos orgánicos recollidos e aproveitados”.

 

Ademais, recalcan que o persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra realizou unha importante labor de concienciación, visitando o total das vivendas de Vilaboa ata en 2 ocasións, explicándolle á veciñanza os obxectivos do proxecto e resolvendo dúbidas. Ao comezo do Plan, fíxose unha campaña inicial de carácter informativo que buscaba chegar ao maior número de xente posible e, despois abriuse unha listaxe onde a veciñanza puido anotarse a esta iniciativa. En xaneiro de 2016, fíxose un reparto de 25 composteiros e distribuíronse outros tantos no mes seguinte. Tras facer varios repartos, fíxose unha segunda visita ás casas e informouse á cidadanía de que tiñan á súa disposición na Casa do Concello composteiros individuais para recoller. Os técnicos explican que cada vez son máis os veciños e veciñas que coñecen e se suman a esta iniciativa, grazas especialmente ao alto grado de satisfacción das persoas que xa participan no proxecto de compostaxe. Actualmente, lévanse repartidos un total de 1.200 COIN.

 

O Concello de Vilaboa conta, actualmente, con 12 centros de compostaxe comunitaria (CCC), formados por unidades modulares de compostaxe (UMC) de 1 m3. Algúns deles xestionan a materia orgánica da veciñanza que queira tratar os seus restos orgánicos por esta vía, e outros encárganse de xestionar a materia orgánica orixinada nos grandes produtores. Ademais da modalidade de compostaxe en CCC formados por UMC, hai algún grandes produtores que empregan composteiros individuais (COIN) de 800L de capacidade para xestionar os seus restos orgánicos. Son moi poucos os vecinos que compostan os seus restos orgánicos utilizando os CCC debido ao carácter rural que ten o Concello de Vilaboa: “Debido á súa ruralidade, pero tamén á súa dispersión, a cidadanía de Vilaboa xestiona a súa materia orgánica a través dos composteiros individuais instalados nas súas vivendas”.

 

O Concello de Vilaboa obtivo resultados satisfactorios xa que, por un lado, conseguiuse reducir a cantidade de restos orgánicos que ían ao colector do resto, grazas á súa xestión mediante compostaxe comunitaria e individual. Ademais, aumentouse a recollida selectiva no resto de fraccións, de xeito que, a separación da materia orgánica repercutiu positivamente nas porcentaxes de separación en orixe de envases lixeiros, papel e cartón e vidro. Ademais, a implantación da compostaxe como sistema de xestión dos restos orgánicos foi chave dende o punto de vista da sensibilización ambiental. Ao longo destes 4 anos, conseguiuse que hoxe se xestione o 75% da materia orgánica in situ, evitando asi que centos de toneladas de residuos viaxen ata Sogama para ser incinerados ou vertidos e, ao mesmo tempo, reducindo as emisions de gases de efecto invernadoiro. Grazas á compostaxe en Vilaboa, reducense anualmente 230 Toneladas de CO2 ao ano.

 

En canto á parte económica, Ardá e Leiro explican que coa infrastrutura de composteiros actualmente existente poderíanse tratar 750 T/a no de residuos orgánicos, o que suporía un aforro duns 63.000 euros ao ano só no recibo de SOGAMA, sen computar o aforro na recollida nin valorar a mellora na recollida separada do resto das fraccións co conseguinte incremento do retorno de Ecoembes. “Só podemos falar de estimas en función dos composteiros entregados, xa que o único dato medible de materia realmente tratada nos composteiros é a dos composteiros comunitarios, que medimos nós persoalmente”.

 

Por todo o anterior, o concello de Vilaboa e a Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza queren visibilizar o esforzo de veciños e veciñas que ao longo dos últimos 4 anos fixeron que hoxe Vilaboa sexa lider en Galicia na implantación da compostaxe como método de xestión de residuos cotribuindo a frear o cambio climático. Deste xeito, estrea este venres a campaña de educación ambiental e comunicación baixo o lema “Vilaboa, grazas de todo corazón”. A campaña, realizada pola organización ambientalista Amigos da Terra, componse dunha serie de videos gravados co publico protagonista deste proxecto que irán saindo ao longo de todo o mes. A campaña inclúe tamén o envío a todas as vivendas do concello de un tríptico no que coñecer todos os servizos que ofrece o plan de compostaxe de Vilaboa, así como un calendario de produtos de tempada.

 

Back To Top