skip to Main Content
Unha Liña De Alta Tensión De Evacuación Do Parque Eólico De Órrea Ameaza O Sobreiral Do Arnego, Incluido Na Rede Natura 2000

Unha liña de alta tensión de evacuación do Parque Eólico de Órrea ameaza o Sobreiral do Arnego, incluido na Rede Natura 2000

A plataforma veciñal de Carmoega (Agolada) rexeita o paso dunha liña de alta tensión de evacuación relacionada co Parque Eólico de Órrea (220 kV) polo seu elevado impacto ecolóxico, pasaxístico e patrimonial. Explican dende a plataforma que demandan unha reunión coa empresa promotora para “esixir un cambio no trazado, dado que aínda se está a tempo de evitar este dano ambiental”, así como tamén coa Consellería de Medio Ambiente, pois entenden que esta actuación é incoherente coa conservación do Val de Carmoega. Engaden que “queda ameazada a integridade do lugar, indo contra a propia Directiva de Hábitats e o Plan Director da Rede Natura 2000”. Amais piden a inclusión deste espazo natural na Rede Natura que no seu día xa quedara excluída pola previsión de construción dun encoro, que finalmente non se levou a cabo.

 

Un gran impacto ambiental e paisaxístico

A plataforma de veciñas e veciños de Carmoega valoran o paso desta liña de Alta Tensión  de evacuación relacionada co Parque Eólico de Órrea, que xa superou toda a tramitación da Xunta, inasumible polo “ impacto ambiental, paisaxístico e sobre o propio espazo protexido dada a proximidade dos montes de Órrea”.

Subliñan que esta actuación é “incompatible cos obxectivos de conservación e protección dos valores naturais e pasiaxísticos” pois a liña baixaría ata as sebes de bosque de ribeira e sobreiras que medran entre prados por onde discorre o río Arnego.

Lembran dende a plataforma que o trazado desta liña discorrerá pola zona do Val de Carmoega que no seu día “ficou desprovista de protección pola Rede Natura, hai máis dunha década, polo intento de construción dun encoro que finalmente foi rexeitado polo elevado impacto ecolóxico”. Unha área para a que xa, por varias veces, se demandou da Xunta que se ampliara e incluira dentro do espazo da Rede Natura.

Amais, trátase dunha das zonas de maior valor ecolóxico desta ZEC, “A Voltureira”,  estreitamento natural do río que pasa fronte a un alto paredón nunha zona boscosa moi densa, que queda exposta a menos de 200 metros do trazado, nun lugar onde crían especies de aves incluídas en Perigo de Extinción no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, así como a construción da liña suporá a corta dunhas 250 sobreiras, moitas delas centenarias, entre outras especies.

 

Back To Top