skip to Main Content
STOP EÓLICOS Convoca Este Sábado Unha Marcha Para Frear A Invasión Eólica Do Xurés

STOP EÓLICOS convoca este sábado unha marcha para frear a invasión eólica do Xurés

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA convoca para este sábado, 23 de outubro, ás 10:00 horas na praza de Brande a todas as plataformas, colectivos veciñais e asociacións ecoloxistas que defenden os territorios de Ourense diante da ameaza eólica a participar na I MARCHA EN DEFENSA DO MONTE GRANDE, para frear “a invasión eólica do Xurés”. Asociacións veciñais e culturais da contorna, partidos políticos, colectivos ambientalistas de Ourense e de todo o país, un crecente movemento de oposición á invasión eólica que viviu nos últimos meses un impulso notable en toda Galicia e, no que se refire a estas comarcas, coa mobilización en Celanova o pasado 4 de setembro, está respondendo ao chamamento de STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA a defender o rural este sábado en Bande.

 

“Greenalia, a compañía que colocou a exconselleira Beatriz Mato (PP) no seu consello de administración, pretende abrir a espita da invasión do Xurés polas corporacións enerxéticas, empezando polo Monte Grande en Bande, unha das portas da reserva natural”, explica a plataforma. O proxecto de Greenalia para o Monte Grande, que xa está sendo negociado cos comuneiros en medio do silencio do goberno municipal de Bande (PP), proxecta 12 aeroxeradores en espazo Rede Natura e a unha distancia de varias aldeas inferior aos dous quilómetros. Segundo a plataforma, o polígono constitúe unha continuidade do instalado xa no Vieiro e do planeado entre Celanova e Verea. Este do Monte Grande afecta, polo menos en canto ás infraestruturas de acceso, aos concellos de Verea e Rairiz de Veiga, que tamén gardan silencio sen perturbar os plans de Greenalia.

 

“A desfeita medioambiental, con varios espazos de bosque autóctono e brañas afectadas, numerosos elementos patrimoniais en risco e un impacto sobre a saúde e as economías das aldeas da contorna e da propia vila de Bande que ningunha administración se preocupou aínda de avaliar, únese á afección severa sobre o Xurés, a gran reserva natural e o maior tractor turístico da comarca do Val do Limia e das comarcas lindeiras”.

 

Sen respostas dende a corporación municipal

 

A plataforma STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA solicitou hai dúas semanas por rexistro unha entrevista co alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP) e remitiu unha proposta de moción na que solicita que o goberno local informe á veciñanza a respecto “dos detalles do plan da empresa. Dende as afectacións ambientais, patrimoniais e paisaxísticas previsíbeis, até o marco temporal do proxecto que compromete ás xeracións futuras”. Ata este martes, a plataforma non recibiu convite da alcaldesa nin resposta ningunha dos grupos municipais popular e socialista.

 

 Alegacións contra o proxecto de Treboada

 

Continuando coa súa política de cooperación con outras plataformas e solidariedade con outros territorios da provincia de Ourense, STOP EÓLICOS XURÉS-CELANOVA presentará alegacións nos rexistros municipais de Celanova e Bande contra o proxecto P.E. Treboada, que promove a empresa Wind Grower e afecta seis concellos, entres eles, os de San Xoán de Río e Pobra de Trives, en Ourense. O prazo de alegacións remata este xoves, 21 de outubro.

Back To Top