Saltear al contenido principal
Rexeitamento á Tiroliña Proxectada Na Ribeira Sacra

Rexeitamento á tiroliña proxectada na Ribeira Sacra

Oito entidades solicitan á Dirección Xeral de Patrimonio Natural que evite a colocación dunha tiroliña na Ribeira Sacra

As asociacións conservacionistas inciden no impacto e degradación visual e paisaxística que este proxecto pode supoñer para a Ribeira Sacra. Alertan de que pode afectar ó recoñecemento da singularidade desta zona pola Unesco

08-01-2019

Oito entidades conservacionistas galegas presentaron un escrito ante a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia no que lle solicitan que rexeite o proxecto de construción dunha tiroliña en plena Ribeira Sacra, polo impacto que pode ter sobre a fauna deste espazo.

O escrito foi presentado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), o Grupo Naturalista Habitat, o Grupo Local SEO-Pontevedra, a Asociación Verdegaia, a Asociación Ecoloxista Anduxía, a asociación Amigos da Terra e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Neste documento, as entidades informan dos valores ornitolóxicos da zona en que se pretende levar a cabo a construción desta tiroliña que se situaría no Canón do Río Sil, entre os miradores de Matacás (Castocaldelas, Ourense) e o do Duque (Monforte, Lugo), á altura da ponte entre Monforte e Castrocaldelas.

As entidades  piden á Consellería de Medio Ambiente que avalíe o potencial impacto do proxecto sobre as especies do Catálogo Galego de Especies Ameazadas e do Anexo I da Directiva Aves presentes no Canón do Sil e que informe ás Deputacións de Lugo e Ourense, implicadas no desenvolvemento do mesmo sobre os valores naturais e a presenza destas especies protexidas. Insisten en que as características do proxecto non son coherentes e sustentables cos valores que presenta a zona polo que piden que non se autorice esta actuación.

Área prioritaria para aves ameazadas

Os colectivos alertan de que a área de actuación constitúe unha zona prioritaria de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local dunha serie de especies de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas segundo se recoñece na Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, publicada no DOG do 1 de outubro, debido á presenza das seguintes especies:
Voitre branco (Neophron percnopterus). Categoría CGEA: En Perigo.
Gatafornela (Circus cyaneus). Categoría CGEA: Vulnerable.
Tartaraña cincenta (Circus pygargus). Categoría CGEA: Vulnerable.
Aguia real (Aquila chrysaetos). Categoría CGEA: Vulnerable.
Bufo real (Bubo bubo). Categoría CGEA: Vulnerable.

Por outra banda, inciden en que tamén é probable a presenza como nidificante nos cortados próximos do falcón peregrino (Falco peregrinus), especie incluída no Anexo I da Directiva Aves e Especie Silvestre en Réxime de Protección Especial. Estas entidades aclaran, ademais, que sobre o caso específico da presenza de aguia real, a propia Dirección Xeral de Patrimonio Natural é posuidora de datos sobre a súa presenza, tanto polos estudos encargados para o seguimento da especie a nivel galego nos últimos anos, como especificamente para os Canóns do Sil no estudio de seguimento de aves rapaces realizado recentemente.

Así, os colectivos insisten en que este proxecto conlevaría a degradación do hábitat das citadas especies catalogadas, e un potencial impacto ambiental ao aumentar o risco de mortalidade por colisión co cableado da tirolina instalado directamente sobre a área de voo do canón do Sil (xa que actuaría de maneira similar a un tendido eléctrico a este efecto).

Para estes colectivos, os Canóns do Sil «constitúen unha área de grandísima importancia para as aves rupícolas en Galicia, un grupo de especies pouco representado na nosa terra e que por tanto sería prioritario para a súa conservación». Este foi tamén o motivo polo cal a Sociedade Galega de Ornitoloxía solicitou a súa declaración como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no último proceso de ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia, aínda non resolto.

Tamén advirten que todas as especies citadas presentes ben como reprodutoras, ben como áreas de alimentación, dispersión ou concentración local de especies forman parte do Anexo I da Directiva Aves e do Anexo IV da Ley 42/2007 de Patrimonio Natural y Biodiversidad, o que implica a obriga por parte da Xunta de Galicia de adoptar as medidas precisas para evitar o deterioro dos hábitats e as perturbacións que afecten ás especies fóra da Rede Natura 2000 (artigo 46 da Ley 42/2007 e artigo 4 da Directiva 2009/147/CE).

Impedimento para o recoñecemento internacional

Por outra banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciou a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de paisaxe cultural para a Ribeira Sacra, segundo a resolución do 21 de decembro de 2017 (DOG 246 do 29 de decembro de 2017), como o primeiro paso para o recoñecemento do valor cultural singular deste territorio, con características culturais materiais e inmateriais singulares, obra combinada da natureza e o ser humano.

Este territorio está a ser proposto tamén pola Xunta de Galicia para a súa integración en dous programas da UNESCO: a Lista de Patrimonio Mundial e o programa Man & Biosphere mediante a declaración dunha Reserva de Biosfera. Porén, este colectivos vaticinan que a instalación da tirolina pode supor unha degradación visual e paisaxística da Ribeira Sacra, poñendo en perigo a inclusión da Ribeira Sacra nestes programas da UNESCO.

Máis de 600.000 euros das Deputacións

O grupo  solicita neste escrito que se avalíe o impacto dunha actuación deste tipo e se informe en consonancia ás Deputacións de Ourense e Lugo do inadecuado de dito proxecto na zona onde se pretende levar a cabo, e en consonancia non se autorice tal actuación. De feito, a Deputación Provincial de Lugo acaba de presentar para a súa aprobación en Pleno o orzamento para o ano 2019, nos que se inclúen 300.000 euros “para habilitar unha tirolina entre os Concellos de Monforte de Lemos e Castro Caldelas co obxectivo de contribuír ao fomento turístico da Ribeira Sacra”. Segundo informacións en prensa, dito proxecto tería reservada tamén outra partida de 300.000 euros no orzamento da Deputación Provincial de Ourense, contando ademais co apoio dos concellos de Monforte de Lemos e Castro Caldelas. Esta tirolina sería a segunda mais longa de Europa segundo se informa, conectando as ribeiras luguesa e ourensana do río Sil.

Volver arriba