skip to Main Content
Proxecto Ríos Organiza Unha Xornada Morcegueira Mañá Sábado

Proxecto Ríos organiza unha xornada morcegueira mañá sábado

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ven de anunciar a realización dunha actividade para mañá sábado, 17 de xullo, no marco do XVII Encontro de Voluntariado de Proxecto Ríos, iniciativa de ADEGA que conta co financiamento de Augas de Galicia. A xornada estará dedicada ao seguimento e estudo dos morcegos e terá lugar no espazo natural protexido como Rede Natura Sobreirais do Arnego. Trátase dunha xornada que pretende ser un espazo de encontro para as persoas participantes neste programa de voluntariado ambiental en ríos. Desta volta, xirará arredor da custodia fluvial e da conservación dos quirópteros no marco da iniciativa Custodiando o Sobreiral do Arnego. A actividade é gratuíta e as prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse. Para máis información e inscricións, é preciso contactar con Ramsés Pérez (ramses@adega.gal).

 

ADEGA ten un Acordo de Custodia do Territorio neste espazo dende 21 de marzo de 2016 para desenvolver actuacións de divulgación, estudo e conservación no Sobreiral do Arnego. As accións desenvólvense na parcela A Zarra da Pena e na contorna do río Arnego. Realízanse inventariados de flora e fauna, recuperación de elementos naturais e etnográficos así como actividades de voluntariado ambiental. Unha das principais liñas de traballo é o estudo e inventariado dos morcegos de ribeira e forestais.

 

No día de mañá, a partir das 18:00 horas da tarde, a acción estará centrada no seguimento dos morcegos presentes no Sobreiral do Arnego. Coa colaboración do especialista Xosé Pardavila de SOREX, realizarase a revisión das caixas-refuxio instaladas na parcela da Zarra da Pena dende o ano 2018 para ver que especies as están a ocupar. A seguir, logo dunha merenda-cea, realizarase a Noite dos Morcegos. Para a mesma, instalaranse as redes para a captura dos morcegos que tamén serán analizados con detectores de ultrasóns. No transcurso da noite realizarase tamén unha formación sobre a participación no Quiroríos, programa de seguimento e monitoraxe de morcegos acuáticos.

Back To Top