skip to Main Content
Polo Nadal Tamén Coidamos Do Planeta

Polo Nadal tamén coidamos do planeta

Xa inmersos nas datas do Nadal compre lembrar que entre todos debemos coidar do noso planeta. Malia que son días de pasar con familia e amigos para celebrar as festas, o certo é que éstas supoñen un custo ambiental, social e económico elevado. E tomando como referencia o impacto que o Nadal ten no noso entorno a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, ven de publicar unha guía práctica para que o noso comportamento nestas datas non contribúa a deteriorar o noso patrimonio natural ni  agravar o quecemento global. “Por un Nadal máis verde” recolle unha serie de consellos para ter un Nadal Eco pero tamén lóxico coa realidade do noso planeta e das consecuencias que a man do ser humano ten sobre el.

 

O noso papel como habitantes do planeta

ADEGA pretende con este caderno facernos reflexionar sobre as consecuencias negativas e o impacto que teñen os nosos hábitos sobre o entorno natural, más acentuadas se cabe durante a celebración do Nadal.

“A realidade é que a actual situación do planeta é tan complexa e estamos tan inmersos na maquinaria do sistema, no noso papel de consumidores (e cada vez menos no de cidadáns), que non somos quen de percibir a magnitude dos problemas nin as nosas posibilidades de acción” con esta idea naceu este caderno, explican dende ADEGA. Con todo engaden que cada persoa debe ser consciente das súas accións e polo tanto tamén sabedora das consecuencias que teñen na súa vida cotiá.

Nesta guía fan un percorrido por diversos temas que durante estas datas se poden dar: o consumismo, a alimentación, agasallo e xoguetes, a xeración de residuos, transporte, enerxía e un longo etcétera.

No tocante ao consumismo (máis elevado polo Nadal)  queren que a sociedade reflexione sobre os seus actos e fáno a través dunha serie de preguntas que nos permitirán recoñecer antes de mercar se realmente se precisa:

  1. Precísoo?
  2. Cantos destes teño xa?
  3. Cando o vou usar?
  4. Canto me vai durar?
  5. Podería pedirllo emprestado a un amigo ou parente?
  6. Podo amañarme sen el?
  7. Vou poder mantelo/limpalo/arranxalo eu mesma/o?
  8. Teño gana de facelo?
  9. Pescudei para conseguir mellor calidade e menor prezo?
  10. Como me vou desfacer del unha vez que remate de usalo?
  11. As materias primas que se usaron, son renovables?
  12. Está feito de materiais reciclables?
  13. Hai algo que xa posúa que poida substituílo?

A maioría destas cuestión ben se poderían aplicar á hora de mercar alimentos: controlar a cantidade que se precisa, reducir os desperdicios, consumir produtos locais, frescos e de tempada, evitar produtos exceivamente envasados… Ou tamén para o tipo de agasallos que se realizan (costume moi extendida nestes días) e moitos deles funcionan con pilas con gran impacto no medio. Nestas festas consúmese ao redor do 40% das pilas que se venden durante todo o ano. As pilas están compostas por diferentes metais como o mercurio (especialmente nas pilas botón e nas alcalinas), cadmio (nas recargables) así como magnesio, níquel ou cinc. Xeran un grande impacto durante todo o seu ciclo de vida, desde a extracción dos minerais que os conforman ata que se converten en residuos e acaban nun vertedoiro ou incineradas. De se xestionar mal, o seu contido pode liberarse e contaminar as augas e o chan ou, no caso de se queimar, producir emisións contaminantes.

Estos hábitos consumistas están fomentados moitos deles polo “bombardeo” publicitario presente na sociedade e que ten múltiples consecuencias: incide directamente no comportamento dos consumidores, poder de persuasión e é quen de facer ás persoas mudar de costumes e levalas a un consumo irresponsable. De feito, a publicidade é un enorme negocio que move miles de millóns de euros anualmente. Como resultado das súas campañas desfacémonos de obxectos aínda útiles e con moita vida por diante para cambialos por outros que simplemente son a novidade ou o último, eliximos marcas e non produtos, e apenas reparamos onde se produciron, como ou en que condicións.

Por estes motivos, no Nadal non está de máis pensar no noso planeta e repensar as nosas decisións antes de mercar, agasallar ou consumir.

Back To Top