skip to Main Content
O Monte Veciñal De Covelo Rexeita A Instalación Na Súa Propiedade Do Parque Eólico Da Telleira

O monte veciñal de Covelo rexeita a instalación na súa propiedade do parque eólico da Telleira

A asamblea xeral do Monte Veciñal de Santiago de Covelo ven de acordar por unanimidade rexeitar a instalación na súa propiedade do parque eólico de Telleira, promovido polo grupo empresarial Adelanta: “Así denunciamos o intento de espolio ambiental, paisaxístico, económico e cultural, non só no noso monte, senón en toda Galiza”. O monte veciñal de Covelo non se opón ao desenvolvemento da enerxía eólica no territorio, pero entende que a actual planificación dual da Xunta de Galicia e o estado posúe tres trazos que a fan indesexable.

 

Para comezar, “é socialmente inxusta”. O monte veciñal de Covelo indica que os prexuízos e os impactos “son para a xente do rural, por mor da construción de novas vías de acceso aos montes, de multitude de liñas de alta tensión, do ruído, a reclasificación e cambios dos usos do solo, a perda de valor das propiedades, o impacto paisaxístico… mentres que os beneficios son para uns poucos debido á centralización e ao oligopolio eléctrico”. Por outra parte, o monte veciñal de Covelo destaca que “economicamente é un roubo”. Apenas do 1% da facturación anual dos PPEE recae nos propietarios dos montes onde están situados segundo datos do Observatorio Eólico de Galicia (OEG) “e as empresas poden expropiar os terreos do beneplácito da Xunta de Galicia”. Para rematar, destaca que a planificación é ambientalmente insustentable, xa que a ampliación da Rede Natura 2000 foi paralizada de xeito premeditado polo actual goberno galego.

 

O Monte Veciñal de Santiago de Covelo forma parte dende o ano 2018 do rexistro ICCA, elaborado polo Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. Trátase da primeira área da Península Ibérica e a terceira de Europa en acadar este recoñecemento. Esta listaxe recoñece os mellores exemplos da xestión comunal do territorio por parte dos seus habitantes. As liñas mestras de ICCA xiran en torno a tres puntos principais: unha comunidade ben definida e vencellada ao territorio (a veciñanza); un sistema propio de gobernanza e toma de decisións que teña en conta a participación da comunidade (a asemblea); e un compromiso de conservación e uso sustentable do hábitat para evitar danos ou deterioro medioambiental (o monte).

 

A empresa, en conivencia co goberno local do Partido Popular, intentou boicotear e influír nos órganos de goberno do monte veciñal. Así, dende o concello de Covelo foron facilitados números de teléfono de determinados veciños á empresa Adelanta co obxectivo de “encirrar e dividir”, chegando a ofrecerlles servizos xurídicos gratuítos para oporse ás decisións dos órganos de goberno do monte. “Non o conseguiron, a veciñanza do monte en man común de Covelo está orgullosa da súa comunidade e plenamente empoderada e consciente dos seus dereitos”. Polo tanto, “non vai permitir que ningunha forza allea expropie a súa propiedade nin se entremeta na súa xestión”.

Back To Top