skip to Main Content
O BNG Presenta Unha Moción E Unha Interpelación Para Aclarar Dudas Sobre Un Concurso Pouco Transparente De SOGAMA

O BNG presenta unha moción e unha interpelación para aclarar dudas sobre un concurso pouco transparente de SOGAMA

Os deputados e deputadas do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), no Parlamento de Galicia, veñen de presentar sendas iniciativas para pedir á Xunta que aporte información sobre a falta de transparencia no proceso de concesión de expolotación da nova planta de incineración de SOGAMA. A primeira é unha interpelación, presentada polo trámite de urxencia. De outra banda, e presentada polos deputados e deputadas Luis Bará, Mercedes Queixas, Alexandra Fernández e Paulo Ríos, formulouse unha Proposición non de lei para debate na Comisión 2ª polo trámite de urxencia. A urxencia motívase en que está en proceso de tramitación o novo contrato da planta de incineración de SOGAMA en Cerceda e “cómpre tomar canto antes un acordo ao respecto”. Segundo o BNG, o actual proceso de licitación deste megacontrato, cun prezo de 256 millóns de euros e unha duración de 10 anos, está rodeado de dúbidas e de falta de garantías.

 

Para comezar, “o contrato licitouse no mes de agosto, cun prazo de 1 mes para a presentación de ofertas, cun prego de grande complexidade e onde consta a dificultade para acceder a toda a información e documentación sobre a planta”. Ademais, existen dúbidas a respecto dos criterios de valoración, que parecen feitos para premiar proxectos contunuistas e non incentivan a presentación de melloras. Así, todo parece indicar que é un proceso de contratación “cociñado” para beneficiar un grupo empresarial que xa controla máis do 90% das operacións do complexo de Cerceda: é o actual adxudicatorio da planta de incineración.

 

Para a formación política, o obxecto declarado de SOGAMA, e polo tanto da planta de incineración, é “queimar canto máis lixo mellor”. É por iso que se pretende blindar por un período de 10 anos un sistema que vai en contra da Directiva Europea de Residuos e que é contraditorio coa lexislación estatal e galega e co Plan de Xestión de Residuos de Galiza. Se se segue adiante co actual proceso de contratación, unha grande parte deses residuos estarán destinados á incineración para a produción de enerxía. “E mentres se aposta de maneira obsesiva por este sistema antiecolóxico e de economía lineal, SOGAMA intenta vender a moto da construción de 3 novas plantas de compostaxe que van procesar unha pequena parte dos biorresiduos, unha experiencia até o de agora fallida, como se demostra nos datos de achegas e resultados da planta de compostaxe de Areosa en Cerceda”. Para o BNG, o obxectivo non pode ser secar e queimar canto máis lixo mellor, senón cumprir obxectivos ambiciosos de redución de residuos, de recuperación e de reciclaxe e reducir a chegada destes produtos a SOGAMA.

 

Na interpelación, o BNG pregunta ao goberno galego si:

 

  • Considera o goberno galego que o prego do contrato de operación e mantemento das plantas de coxeneración e incineración de Cerceda está aliñado cos obxectivos de prevención, reutilización e reciclaxe establecidos na normativa europea de residuos, e tamén cos principios da economía circular?

 

  • Por que a Xunta hipoteca o futuro da xestión de residuos apostando por tratamentos finalistas e lineais como a incineración?

 

  • Que planificación fixo a Xunta sobre os cambios no sistema de xestión municipal dos residuos e a súa repercusión na alimentación da planta de incineración de SOGAMA?

 

  • Contempla SOGAMA como opción a incineración da materia orgánica recollida separadamente e compostada?

 

  • Considera a Xunta a opción de suspender a licitación actualmente en curso e iniciar un novo procedemento aliñado cos obxectivos e obrigas da normativa europea de residuos e cos principios da economía circular?

 

Canto á proposición non de lei pídese que o Parlamento inste “á Xunta a suspender a licitación do macrocontrato de operación e mantemento da planta de coxeneración e planta termoeléctrica do complexo de SOGAMA en Cerceda e iniciar unha nova licitación aliñada cos obxectivos de redución, recuperación e reciclaxe da normativa de residuos e cos principios da economía circular.”

 

Ámbalas iniciativas teñen a súa orixe na situación denunciada recentemente e publicada por Galicia Ambiental que apuntan nas liñas agora levadas á vía parlamentaria.

 

Back To Top