skip to Main Content
O BNG Pide á Xunta No Parlamento A Intervención Do Goberno Para Evitar Que A Canteira De Casalonga Se Converta Nun Vertedoiro Encuberto De Residuos Orgánicos

O BNG pide á Xunta no Parlamento a intervención do goberno para evitar que a canteira de Casalonga se converta nun vertedoiro encuberto de residuos orgánicos

O BNG ven de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a aclarar que tipo de materiais se pretenden utilizar no proxecto que o grupo Toysal ten previsto desenvolver na canteira de Casalonga (concello de Teo). Deste xeito, a formación política ten o obxectivo de impedir que se converta nun vertedoiro encuberto de residuos orgánicos (lodos industriáis e de depuradora entrte outros) pretratados e bioestabilizados para se presentados como “terra vexetal”. O portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, advirte que o plan de restauración da canteira prevé a actuación en 55 hectáreas para a súa restauración e reforestación, para o que ten previsto utilizar 292.000 metros cúbicos da chamada “terra vexetal” procedente da propia canteira e do exterior. Advirte que a maior parte será de procedencia exterior, dada a escaseza deste material no actual oco mineiro.

 

Para o BNG, o proxecto aproveita a permisividade da normativa estatal e galega sobre a “terra vexetal”, un concepto que inclúe tamén a mestura de terra con outros materiais inertes e con materia orgánica como lodos de depuradora, xurros e outros elementos de orixe vexetal e animal que son pretratados, estabilizados e utilizados para producir os tecnosolos. Bará explica que cómpre ter en conta que Toysal, propietaria da canteira e promotora do proxecto, “non é unha empresa mineira, é unha empresa de xestión de residuos e non vai acometer un investimento de 134.000 euros pola súa sensibilidade ambiental”. Para o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, detrás do proxecto “hai un vertedoiro encuberto para enterrar residuos inertes e unha grande cantidade de residuos orgánicos tratados como terra vexetal”, nunha operación que “podería xerar uns beneficios duns 20 millóns de euros, mentres que o plan de restauración da canteira ascende a só 134.000 euros”.

 

O deputado nacionalista asegura que a reactivación da restauración da canteira de Casalonga “está relacionada co peche de instalacións coas que contaba Toysal nas Somozas e en Miramontes por irregularidades ambientais e incumprimentos da normativa, de aí as présas e o interese por reactivar o vertedoiro de Casalonga”. Por todo isto, o BNG insta á Xunta a que especifique que entende por “terra vexetal de procedencia externa”, á hora de resolver a autorización do plan de restauración a favor da empresa, co obxectivo de evitar que a canteira de Casalonga se convirta nun vertedoiro encuberto de residuos orgánicos pretratados e estabilizados como substrato vexetal. Do mesmo xeito, o grupo nacionalista prevé manter un encontro coa Plataforma Casalonga Libre de Residuos e tamén presentará estas propostas a debate no pleno municipal de Teo.

 

Así, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte Proposición non de lei para o debate en Pleno: “O Parlamento insta a Xunta a que especifique que entende por ‘terra vexetal de procedencia externa’, á hora de resolver a autorización do plan de restauración a favor da empresa, co obxectivo de evitar que a canteira de Casalonga se convirta nun vertedoiro encuberto de residuos orgánicos pretratados e estabilizados como substrato vexetal.”

 

Ademais, os deputados e deputadas do BNG, presentan as seguintes preguntas para resposta oral na Comisión 2ª:

 

  • Avaliou a Xunta de Galicia as necesidades de “terra vexetal de procedencia externa” no proxecto de restauración da mina de Casalonga?

 

  • Para resolver a autorización do proxecto, os servizos técnicos da Consellería comprobaron se resulta realista, dentro da memoria do Plan, a previsión que fai a empresa sobre que conta con terra vexetal propia procedente da canteira para levar a cabo a actuación de cobertura coma substrato vexetal preparatorio para a reforestación?

 

  • Que garantías ten a Xunta sobre a non utilización como materiais do substrato vexetal de residuos orgánicos como xurros, lodos de depuradora e outros residuos animais e vexetais?

 

  • Que medidas prevé adoptar o goberno galego para evitar que a canteira de Casalonga se convirta nun vertedoiro encuberto de residuos orgánicos pretratados e estabilizados como substrato vexetal?

 

Pola súa parte, a parlamentaria socialista Noa Díaz tamén presentou, ao día seguinte,  iniciativas parlamentarias nas que acusa á Xunta de “defender os intereses de Toysal antes que aos veciños de Teo afectados pola mina de Casalonga.

Back To Top