skip to Main Content
O BNG, Disconforme Ante As Irregularidades Producidas Na Xestión De Sogama

O BNG, disconforme ante as irregularidades producidas na xestión de Sogama

O BNG esixe á Xunta responsabilidades polas graves irregularidades producidas na xestión de Sogama. O portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, explicoullas ao presidente da sociedade, Javier Domínguez, durante a súa comparecencia no Parlamento galego: “Fronte ao autobombo no que vostede se quere instalar, pode darlle a esta comparecencia un formato de explicacións diante das irregularidades e tamén ilegalidades que se están producindo na xestión de Sogama”. Bará recalcou que estase a realizar un desvío directo de residuos ao vertedoiro de Areosa, debido ao colapso da planta de Cerceda. Este feito foi autorizado pola Xunta de xeito puntual pola avaría rexistrada na planta. Segundo o deputado nacionalista, “a planta está colapsada, con camións que agardan ata 8 horas en poder descargar, e ante a falta de capacidade para tratar todos os residuos que chegan, desvíanse moitos deles a verter a caño libre no vertedoiro de Areosa”. Ademais, recalcou non só as negativas consecuencias medioambientais, senón tamén o risco para a integridade física das persoas.

 

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, admite que o complexo vai “regular”, no relativo á reciclaxe, mais reivindica o avance respecto aos resultados de 2008. Na comparecencia, sinalou os datos que situaban a reciclaxe en 11.000 toneladas en 2008 e ao incremento do 1.145% ata 137.000, en 2019. Malia as críticas dos grupos da oposición, valorou o avance da empresa como un salto cuantitativo “incuestionable”. Con respecto ás irregularidades no transporte que denunciou Bará, o responsable de Sogama asegurou que “se fai con todas as medidas de seguridade e nas mellores condicións”. De feito, invitou aos grupos a facer unha visita ao complexo de Cerceda. No caso do BNG, Bará aceptou pero cunha condición: poder falar con todos os comités da empresa “in situ”.

 

Pola súa parte, Luís Bará continuou resaltando as “graves irregularidades que vostedes están permitindo e que poden dar lugar a unha desgraza”. Enumerou os camións enriba de montañas de lixo inestable condicións de iluminación deficientes e a pala traballando xustamente ao carón dos camións que están descargando, que é ilegal. Ademais, o portavoz parlamentario de Medio Ambienta sinalou os contratos de Sogama, adxudicados a un conglomerado de empresas con Valtalia e Copasa como eixos principais no control da xestión de Sogama. “E Copasa non é unha empresa calquera, ten vínculos directos co PP”, en referencia ás conexións atopadas nas investigacións xudiciais en curso sobre o financiamento ilegal do PP. Ademais, advertiu de que “a realidade é que por moito que vostedes queiran vender Sogama circular, Sogama verde, Sogama sustentábel, é todo o contrario, porque se basea en tratamentos lineais e finalistas e o 86% dos residuos que van a Sogama van a tratamentos que están na xerarquía de residuos no último lugar, como son a incineración e o vertedoiro”.

 

Así, Bará recriminou ao Goberno do PP estar incumprindo a normativa europea, a lei estatal, o PERMAR e o plan galego de residuos sólidos urbanos, xa que a planta non se adopta á xerarquía de residuos e non cumpre os principios da lexislación. Ademais, convidou ao Executivo galego a “cambiar o rumbo” e buscar un acordo arredor do tratamento de residuos que permita camiñar cara un proceso de evolución e transformación que sitúe a Galicia á cabeza neste ámbito de actuación.

Back To Top