skip to Main Content
O Aproveitamento Hidroeléctrico Das Balsas Mineiras Das Pontes E Meirama Pon En Risco Os Ecosistemas Fluviais

O aproveitamento hidroeléctrico das balsas mineiras das Pontes e Meirama pon en risco os ecosistemas fluviais

A Xunta tramita dous aproveitamentos hidrieléctricos nas balsas mineiras das Pontes e Meirama. Segundo a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), “turbinar o caudal de dúas macrobalsas mineiras ameaza a vida dos ríos e a calidade do subministro, e só pretende seguir a engordar os beneficios das eléctricas”. O vixente Plano hidrolóxico Galiza-costa estableceu o punto final para os novos aproveitamentos hidroeléctricos que supuxeran implantar novos obstáculos transversais nos leitos ou que comprometeran a continuidade lonxitudinal fluvial. Os proxectos centrais que tramita Augas para as bolsas mineiras de Meraima e das Pontes parece que non precisarán da construción de novas barraxas. Porén, “será preciso construír as tubaxes de presión e as propias centrais augas abaixo a carón dos ríos, alterando as marxes e modificando os reximes hídricos naturais das bacías ao ritmo que marquen as promotoras”.

 

Segundo a organización ecoloxista, a calidade das augas de balsas mineiras como as de Meirama e As Pontes non son asimilables ás dun lago natural ou dun encoro: “Presentan, en determinadas zonas, unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados debido á natureza das rochas das entulleiras, ademais dunha baixa concentración de osíxeno”. No caso destas dúas balsas, augas abaixo sitúanse dous espazos naturais protexidos: a ZEC Encoro de Cecebre e o Parque Natural das Fragas do Eume. Así, en palabras de ADEGA, non se pode pretender que as oscilacións dos caudais polo réxime turbinado non alteren a dinámica natural dos ríos e dos espazos protexidos nos que desaugan. Ademais, engade que “antepoñer os intereses das eléctricas poñendo en risco a salubridade do subministro é algo ao que, como de cotío vemos no Eume, a Xunta xa nos ten acostumados/as”.

 

Con estes dous proxectos, aparece un curioso fenómeno: “Despois de explotar as concesións públicas de recursos mineiros durante décadas, desfacendo o territorio e contaminando a cano libre coas súas térmicas, esgótase o carbón e pechan as minas”, afirma a asociación. Así, as concesionarias realizan unha restauración “low cost” enchendo de auga os ocos mineiros mediante un uso privativo das augas dos ríos que quedaron nas bacías estragadas. ADEGA conclúe: “Véndennos esas restauracións como modélicas ao convertir dúas balsas mineiras en lagos co beneplácito da Xunta. E finalmente ao reverter ao dominio público os territorios recuperados, aparecen novos proxectos nas mesmas áreas xa asoballada”.

Back To Top