skip to Main Content
Numerosas Organizacións Piden A Dimisión Do Director Xeral De Montes Pola Vaga De Lumes De Ourense

Numerosas organizacións piden a dimisión do Director Xeral de Montes pola vaga de lumes de Ourense

A vaga de lumes que está a sufrir Ourense dende este pasado sábado, deixa ao seu paso polo de agora unhas 9.000 hectáreas (segundo datos da Xunta) e varias vivendas calcinadas, e unha gran sensación de desolación e indignación. Logo dun fin de semana negro e infernal, numerosas entidades sindicais, agrarias, ecoloxistas e sociais galegas piden a dimisión “inmediata do Director Xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, por non dispoñer as medidas de prevención e vixilancia necesarias para evitar a catástrofe incendiaria que está a vivir a provincia de Ourense, en particular, as áreas afectadas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e do Macizo Central”.

Explican que da superficie total calcinada nestes días na provincia de Ourense, 3.000 Ha pertencen ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés e ao Parque tranfronteirizo Xurés –Geres, “onde gran parte da reserva integral do parque xa quedou totalmente arrasada polo lume” engaden.

 

Dimisión do responsable de montes e extremar as medidas de prevención 

Amais destes devastadores datos, xa de por si motivadores de petición de responsabilidades, as organizacións séntense indignadas polas declaracións realizadas á canle pública galega polo responsable de montes da Xunta, nas que manifestara que dende a administración “xa se prevía unha forte actividade incendiaria” na segunda semana de setembro e nomeadamente no Macizo Central Ourensán, áreas nas que os lumes son recorrentes e especialmente virulentos en días previos ás chuvias.

As organizacións ven inexplicable a inacción por parte da Xunta, din non entender como “non reforzou o equipo humano e material de extinción, nin tomou especiais medidas de prevención e vixilancia nestas áreas de extraordinario valor ambiental para evitar que estes lumes se chegasen a producir”. Recordan amais que existen numerosas medidas para adaptar as condicións do monte galego ao actual contexto de emerxencia climática, no que os lumes forestais cobran importancia e virulencia, “que levan agardando máis de catro décadas para poñerse en práctica: prevención de incendios todo o ano, promoción dun monte multifuncional e resiliente fronte o cambio climático, recuperación de especies forestais propias, freo ao monocultivo de especies pirófitas e foráneas, aumento das faixas de protección fronte os lumes”.   Engaden que é preciso “atallar as causas estruturais dos lumes forestais, de extremar as medidas de prevención contra os incendios, de mudar radicalmente o modelo de monte galego e de evitar o despoboamento do rural”.

Para os asinantes “a desidia e falta de vontade do goberno de Núñez Feijóo de mudar o modelo de monte galego están a favorecer a propagación dos incendios forestais e tamén os intereses da industria do lume”.

 

En perigo os espazos naturais

A actual vaga de lumes de Ourense deixa numerosas secuelas nalgúns espazos naturais protexidos de gran valor ecolóxico: reserva integral do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés (o parque no seu conxunto perdeu xa máis de 3000 hectáreas) e o Macizo Central ourensán, Zona de Especial Conservación (ZEC) e espazo de Rede Natura.

Ademais das perdas materiais e de terreos, as cosecuencias “ambientais destes lumes forestais son extremadamente graves, pois estanse a perder espazos que acollen hábitats e especies que son especialmente relevantes para a conservación da nosa biodiversidade e para afrontar a problemática do cambio climático”.

Para as organizacións esta realidade ben se podería trasladar a outros entornos naturais de especial interese, pois explican que dende a Xunta segue sen dotalos “dos necesarios instrumentos de xestión, sen ampliar as superficies protexidas como Rede Natura”, non o fai desde 2004, e “sen establecer nestas áreas plans especiais de prevención fronte os incendios forestais, nomeadamente naquelas nas que os lumes son recorrentes”.

As entidades asinantes pídenelle á administración autonómica que “promovan medidas extraordinarias de custodia, vixilancia, prevención e de extinción nos espazos naturais protexidos de Galiza para combater os incendios forestais”. Así como tamén esixen que a administración pública actúe con premura e urxencia nas lbores de prevención de erosión dos solos queimados, de recuperación da materia orgánica e da biomasa vexetal perdida, e da restauración hidrolóxica forestal.

 

 

 

 Asociacións asinantes do comunicado da petición de dimisión do D. Xeral de Montes

  • Amarelante S. Coop. Galega
  • Asociación Ambiental Petón do Lobo
  • Asociación Cultural Bidueiro
  • Asociación Galega de Apicultura (AGA)
  • Asociación Galega Cova Crea
  • Asociación Frouma
  • Asociación Montes da Galiza – Montegal
  • Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
  • Asociación Pola Defensa da Ría (APDR)
  • Colectivo Agrocuir da Ulloa
  • Confederación Intersindical Galega (CIG)
  • Federación Rural Galega (FRUGA)
  • Grupo de Estudo dos Animais Silvestres (GEAS)
  • Kunterbunt Design
  • Sindicato Labrego Galego (SLG)
  • Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)
  • Verdegaia
Back To Top