Saltear al contenido principal
Medio Ambiente Aboga Pola Recollida Selectiva De Biorresiduos E Promover O Uso De Compost En Galicia

Medio Ambiente aboga pola recollida selectiva de biorresiduos e promover o uso de compost en Galicia

Tellado incide na necesidade de reducir o peso actual que ten a fracción orgánica nos residuos mellorando a separación e xestión

Na xornada, destinada a alcaldes, técnicos municipais e xestores tratouse a xestión da fracción orgánica e as liñas de axudas a disposición dos concellos para reducir o seu peso actual

13-03-2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda organizou unha nova xornada de traballo, desta volta en Lugo con técnicos municipais, alcaldes e xestores de biorresiduos domésticos e industriais para abordar a recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos e o uso do compost en Galicia.

No transcurso do foro, a subdirectora xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente, Verónica Tellado, incidiu na necesidade de reducir o peso actual que ten a fracción orgánica nos residuos, que representa un 42% do total, a través de accións específicas para mellorar a súa separación e xestión. Neste sentido, incidiu na importancia de desenvolver accións para fomentar a recollida separada dos biorresiduos, pois sen o axeitado tratamento dos mesmos o proceso complícase moito e a calidade do produto final tamén se ve afectada.

Concretamente, referiuse á posta en marcha de medidas que fomenten tanto a recollida selectiva da materia orgánica como a súa correcta xestión, co fin de darlle unha nova vida á fracción orgánica dos residuos domésticos a través da creación de compost, un fertilizante de gran valor con numerosos usos nos eidos da agricultura, a xardinaría ou a restauración de espazos degradados, permitindo mellorar a fertilidade dos solos galegos, contribuíndo á mitigación do cambio climático e avanzando na liña da economía circular.

A implantación progresiva da recollida selectiva dos biorresiduos a nivel municipal –xa que é unha competencia dos concellos- é un dos obxectivos incluídos na nova Directiva europea de residuos e tamén no Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) 2010-2022, que prevé unha liña estratéxica específica dirixida á xestión da fracción orgánica, con actuacións concretas para aumentar os actuais niveis de recollida selectiva

Liñas de axuda

Nesta liña, Tellado tamén lembrou que existe unha liña de axudas para a implantación da recollida selectiva dos biorresiduos a través da cal a Consellería puxo a disposición dos concellos máis de 4.500 contedores deseñados para recoller os desperdicios orgánicos de orixe doméstica. De feito, a convocatoria aínda está aberta e os concellos interesados terán ata o venres, 15 de marzo, para presentar as súas solicitudes e beneficiarse do reparto do chamado quinto contedor, que virá completar o actual modelo de recollida selectiva e se sumará aos xa existentes para envases, vidro, papel-cartón e fracción resto.

Así mesmo, tamén se lles trasladou aos participantes que a Consellería de Medio Ambiente será a encargada de tramitar as axudas a concellos que acaba de convocar o Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) co fin de promover actuacións e proxectos que teñan coma fin a recollida separada de biorresiduos e o fomento da compostaxe, o tratamento separado de aceite de cociña usado e a utilización eficiente de biogás. O prazo para acollerse a esta convocatoria de Axudas Residuos 2019 remata o 20 de marzo.

Próximos foros en Santiago

O foro de biorresiduos de Lugo é o segundo encontro deste tipo que se celebra en Galicia e enmárcase dentro das accións formativas e de traballo que contempla o PXRUG. De feito, nas vindeiras semanas tamén está prevista a organización por parte da Consellería doutras dúas xornadas técnicas en Santiago de Compostela –os días 28 de marzo e 11 de abril-, dirixidas igualmente a técnicos, alcaldes e outros representantes municipais, así como a persoal de plantas dedicadas á xestión de biorresiduos, de orixe doméstica e industrial.

Volver arriba