skip to Main Content
Inician O Expediente De Contratación Das Obras De Dragado Ambiental Da Ría De O Burgo

Inician o expediente de contratación das obras de dragado ambiental da Ría de O Burgo

O Goberno central, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, licitou as obras para o dragado dos sedimentos da ría de O Burgo cun presuposto de 48,5 millóns de euros.

As labores de dragado, que afectarán a catro concellos (A Coruña, Culleredo, Cambre e Oleiros), consistirán na retirada de sedimentos e materiais que afectan á calidade das augas e que se levarán a cabo en máis de 583.000 metros cúbicos na zona interior da ría. Segundo o Goberno, con estes traballos pretenden mellorar o estado das augas así como recuperar os bancos marisqueiros da ría coruñesa.

Do total dragado, algo máis de 223.000 metros cúbicos, retiraranse e trasladaranse ao punto de verquido onde se depositan de forma habitual os dragados dos portos autonómicos. O resto, una parte aproveitarase para crear espazos verdes e darán continuidade ás sendas e paseos que rodean a ría, e a outra, os que corresponden co dragado de áridos que proceden da restauración das canles e bancos marisqueiros (185.690 mᶾ) usaranse para a restitución das condicións dos bancos marisqueiros e do fondo da lagoa de Culleredo, así como tamén depositarase unha parte (os que corresponden ao material obtido da zona máis exterior da ría) na praia de Santa Cristina.

Amais o Goberno Central, explica que quedará fóra das labores de actuación a zona de marismas situadas na marxe de Culleredo, para así preservar os “hábitats principais de aves invernantes e das pradeiras de fanerógamas”.

Plan de vixilancia ambiental

O proxecto de dragado da ría de O Burgo, contará amais cun seguimento e control durante un período de 10 anos. Tamén, enmarcado nas labores de dragado, efectuarase segundo a administración central, “a recollida de especies marisqueiras afectadas polas obras, que serán restituídas” una vez que rematen os traballos, así como tamén eliminarán especies invasoras como a Cortaderia selloana (herba da Pampa).

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico incide na existencia dun plan de vixilancia ambiental “cunha rigurosa análise e control” das augas e sedimentos das zonas onde se levará a cabo o dragado e os verquidos para facer un seguimento das distintas especies e actividades da zona: pesca, usos recreativos, de patrimonio cultural…

Back To Top