Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Río Mandeo

Cursos fluviais de Galicia: o río Mandeo

O Mandeo é un río integramente coruñés que nace na ladeira atlántica da Serra da Cova da Serpe, en Sobrado dos Monxes, e que dá forma na desembocadura á ría de Betanzos, despois de regar coas súas augas ós municipios de Sobrado, Curtis, Aranga, Irixoa, Coirós, Paderne e Betanzos. Algúns dos seus afluentes máis importantes son o Deo e o Zarzo, xunto con outros de menor caudal como os regos de Cambás e Mollopán.

Dado o importante valor ecolóxico deste cauce fluvial e a súa conca, no ano 2009 naceu o Proxecto Mandeo, programa que pretende implicar a tódolos concellos ribeireños na posta en valor dun espazo natural moi infravalorado durante anos. Boa parte dos 56 quilómetros de percorrido deste río están enmarcados na Rede Natura 2000, formando parte do LIC Betanzos-Mandeo, que se localiza na parte baixa da súa conca. Trátase dun río agreste, con zonas en estado puro e de difícil acceso como a do Inferniño, na súa parte alta.

Porén, e pese ó gran valor ecolóxico deste espazo natural, o Mandeo ten importantes riscos ambientais que poñen en serio perigo a súa biodiversidade. O principal problema neste ámbito son as numerosas verteduras que recibe o seu curso, tanto de canalizacións de pluviais como de augas residuais sen depurar. Principalmente, o problema dase nos municipios do tramo baixo do río, sendo menos frecuentes no seu nacemento. A presa de Mandeo-Zarzo é outro dos escollos do río, xa que cercena moitos quilómetros do seu curso impedindo o paso de especies como o salmón. Ademais, na época da estiaxe (xuño-xullo) o caudal do río diminúe notablemente coas conseguintes consecuencias para a súa fauna.

O Mandeo é un río cunha grande riqueza piscícola, con presenza de especies como a troita, o salmón ou o reo. É, practicamente, o único río salmoneiro da provincia da Coruña e un dos máis importantes en canto a reo. Os coutos máis destacados deste curso fluvial son o de Aranga, compartido entre os concellos de Aranga e Irixoa e onde a troita é a especie dominante, e o de Betanzos, que comparten os municipios de Coirós, Paderne, Aranga e Irixoa, onde o reo e o salmón son os predominantes.

Ver: no nacemento do río, no concello de Sobrado, cabe destacar o espazo natural da Serra da Cova da Serpe, dende a que se obteñen impresionantes vistas da comarca, así como a cercana Lagoa de Sobrado ou o Mosteiro Cistercense de Santa María de Sobrado. Ademais, no concello de Curtis é recomendable a visita ó Centro Etnográfico e de Formación que nos permitirá coñecer a riqueza, tanto cultural como paisaxística, da conca. Xa na parte media e alta do Mandeo, no concello de Coirós, podemos achegarnos ata o Centro de Interpretación do Ecosistema Fluvial, no azud de Chelo, zona do río declarada paraxe pintoresca. As fervenzas como a de Rego da Palanca, en Aranga e a de Catro Rodicio, ambas no curso do río Cambás, afluente do Mandeo, e os numerosos miradoiros sobre a conca do río, como o de Vieiro (Aranga) ou o da Espenuca (Coirós) son outros dos lugares de interese da zona. É visita obrigada na conca do Mandeo o centro histórico da vila de Betanzos, onde desemboca o río, e o seu parque do Pasatempo.

Chegar: pola N-547 ata Melide, onde enlazaremos coa AC-840 chegaremos ata o nacemento do río, no concello de Sobrado. Para acceder ó curso alto, a mellor opción é a A-6, dende onde é doado chegar ós demais concellos desta conca fluvial.

Comer: os peixes de río como as troitas ou o salmón, a tortilla ou o repolo de Betanzos ou as carnes, especialmente cociñadas á brasa, son algúns dos máximos expoñentes da gastronomía da conca do Mandeo. O queixo, da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, é outro dos produtos destacados dos concellos da parte alta do río.

Aloxamento: os Refuxios do Mandeo, rede de aloxamentos e restaurantes asentados ás beiras deste curso fluvial, entre os que destacan as numerosas casas rurais, son a nosa recomendación para facer noite nesta comarca.

Créditos:  Texto: Elaboración propia. Imaxe: Jose Luis Cernadas Iglesias

Comparte esta noticia