Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Proxecto europeo Climate

Galicia será antena do Centro Español de Innovación e Cambio Climático

Só 11 países europeos contan con oficina Climate-Kic, que ten como obxectivo integrar a formación, o emprendemento e a innovación para transformar ideas e coñecemento que axuden a mitigar o quecemento global

18-01-2018

Galicia será antena do Centro de Formación de Innovación e Cambio Climático. Grazas a esta iniciativa integrarase a formación, o emprendemento e a innovación para transformar as ideas e o coñecemento en produtos ou servizos que axuden na mitigación do quecemento global e na adaptación ao cambio climático e para facelos viables economicamente.

Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; durante a sinatura do documento de adhesión de Galicia ao proxecto europeo Climate-KIC. Trátase dunha iniciativa, que ten por obxecto social a innovación para a mitigación do cambio climático e a adaptación ao mesmo. Nese sentido, traballarase en tres liñas básicas: ofrecer apoio ás start-up; reuniranse a socios en proxectos de innovación e formaranse aos estudantes. O obxectivo é fomentar o intercambio de coñecemento para crear produtos e servizos que contribúan a mitigar o cambio climático ou que axuden a adaptarse ao mesmo; polo que se invitará ás universidades e centros de investigación, ás empresas e ás entidades públicas a sumarse a este proxecto.

O Climate-KIC é a iniciativa principal da Unión Europea sobre o cambio climático, impulsada polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT) da propia Unión Europea. Está formado por máis de 250 organizacións, empresas e institucións académicas-científicas e organismos públicos, con sede central en Londres e está presente en once países europeos, a través da súa rede de oficinas. España é un deses países, polo que con este paso Galicia avanza na senda de converterse nunha rexión referente nesta materia a nivel europeo. Mato Otero recoñeceu que esta iniciativa brinda unha oportunidade de gran importancia para establecer contactos con instancias nacionais e europeas involucradas no desenvolvemento e implementación de políticas activas fronte ao cambio climático.

Cambio climático, eixe esencial do presente e futuro

A conselleira de Medio Ambiente recordou que para o actual Goberno o cambio climático é un eixe esencial de presente e de futuro, e leva anos traballando para converterse nun referente medioambiental e sostible dentro da Unión Europea. Como mostra deste compromiso recordou a creación dunha dirección xeral (Dirección Xeral da Calidade Ambiental e Cambio Climático) que en 2018 contará cun orzamento de máis de 20 millóns de euros; e é o departamento que marcou a folla de ruta para mitigar este fenómeno, coa Estratexia de Cambio Climático e Enerxía, que xa ten en marcha seis mesas de expertos e cuxo borrador se presentará a mediados de 2018.

Destacou o traballo levado a cabo na Comunidade ao longo de 2017, ano no que Galicia participou por primeira vez no Climathon e no que se acadou o recoñecemento como coordinadora da Oficina Técnica para a promoción e coordinación do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, cuxo obxectivo será que a finais de 2020 os 313 concellos de Galicia estean adheridos ao Pacto.

O outono de 2017, unha consecuencia do cambio climático

A sociedade actual é a primeira xeración que está a palpar as consecuencias do cambio climático e unha proba foi o outono cálido, tal e como recolle o informe climatolóxico do outono realizado por Meteogalicia.

O outono de 2017 considérase unha estación cálida, porque rexistrou unha anomalía media de +0,34º C de temperatura, co setembro máis frío dos últimos 21 anos, un outubro extremadamente cálido, cunha anomalía de +2,43º C o que o sitúa como o máis cálido da serie só superado polo do ano 2014, e en novembro volveu a normalidade á temperatura.

Tamén se considerou moi seco, xa que as precipitacións estiveron un 64% por debaixo do normal, o que nos permite afirmar que é o terceiro outono máis seco da serie histórica, precedido polo de 1978 e 2007. A análise por mes, indica que setembro foi seco e estivo un 67% por debaixo do normal, outubro foi moi seco, cunha precipitación un 79% por debaixo do habitual, polo que hai que remontarse a 2007 para atopar un outubro máis seco que o deste ano, e novembro tivo un comportamento similar (tamén moi seco) xa que as cantidades de chuvia representaron aproximadamente a metade das propias dun novembro normal.

Comparte esta noticia