Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Observatorio dos Ríos de Galicia

Crean o primeiro Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia

Este organismo pretende poñer en valor o patrimonio natural-ambiental dos case 500 ríos de Galicia, xa que funcionará como un órgano de asesoramento sobre o estado ambiental, económico, social e cultural dos ríos

15-02-2018

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se crea o primeiro Observatorio dos Ríos da Comunidade, co que se porá en valor o patrimonio natural-ambiental dos case 500 ríos de Galicia; xa que un dos principais obxectivos desta entidade será dar a coñecer os valores dos leitos fluviais da Comunidade.

Os ríos galegos son unha rede que suma 32.000 quilómetros de ríos, polo que a creación deste observatorio responde á necesidade de recoñecemento e protección do enorme valor patrimonial, tanto social como ambiental desta riqueza hidrográfica, así como a importancia que teñen na conservación da flora e da fauna que dependen deles para a súa supervivencia.

Os factores que contribúen en maior medida á diminución da biodiversidade e a problemática principal que se atopa nos ríos na Comunidade Autónoma de Galicia preséntanse principalmente na alteración física á cal están sometidos, debido, sobre todo, ás infraestruturas, á perda e degradación dos hábitats, á invasión das zonas de inundación por todo tipo de construcións, á sobreexplotación, á contaminación e á introdución de especies non nativas.

A xestión desta situación obriga a abordar este feito dun modo transversal e interdisciplinar para poder obter información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos e promover a elaboración de plans directores para a promoción e valorización dos ríos como elementos destacados do patrimonio natural, económico e social galego.

Este Observatorio dos ríos tamén deberá recoller e analizar información sobre as medidas e actuacións postas en marcha desde as diferentes instancias, públicas e privadas; promover e elaborar plans directores para os ríos galegos, nos que se recollan as políticas autonómicas en torno á promoción e valorización dos ríos como elementos destacados do patrimonio natural, económico e social galego.

O observatorio dos ríos concíbese como un órgano colexiado ao que, de acordo co principio de colaboración institucional, corresponde o asesoramento sobre o estado ambiental, económico-social e cultural dos ríos da Comunidade Autónoma de Galicia, a elaboración de informes e estudos, e a diagnose e proposta de medidas que axuden a definir as distintas políticas autonómicas de posta en valor dos ecosistemas fluviais de Galicia. O decreto, ademais de establecer a súa creación, tamén regula as súas funcións, composición e réxime de funcionamento.

Dentro das súas funcións, tamén destaca difundir a importancia dos ríos e as súas contornas naturais e promover boas prácticas na interacción da cidadanía cara a eles, así como promover a colaboración entre todas as institucións implicadas encamiñada á posta en valor dos ríos galegos.

Outra das finalidades coas que nace é a de actuar como foro de encontro interdisciplinar entre organismos públicos e as sociedades civís e do coñecemento e, por último, elaborará informes periódicos sobre o grao de cumprimento e efectividade das medidas adoptadas para a posta en valor dos ríos galegos.

Para acadar este reto é imprescindible impulsar a participación, tanto do colectivo de pescadores -cada vez máis esixente e implicado coa conservación e preservación do medio natural- como da sociedade en xeral, co fin de priorizar e establecer unhas directrices de xestión que permitan delimitar un marco que garanta un aproveitamento sustentable e a posta en valor destes espazos naturais, co fin de poder atender as cada vez máis presentes demandas sociais a favor da conservación da biodiversidade.

Composición

O Observatorio dos Ríos, que se creará ao amparo deste decreto, nace coa idea de contar cunha ampla e equilibrada participación, polo que a súa composición estará conformada por institucións e sectores implicados na conservación e xestión dos ecosistemas fluviais. Tal e como se recolle no Decreto, a sesión constitutiva do Observatorio terá lugar nun prazo máximo de tres meses desde a súa entrada en vigor.

Estará formado por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e un total de 32 vogais, haberá representación das consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Política Social; Medio Rural, Mar e a Axencia Galega de Turismo, por parte da Administración autonómica; haberá tamén representantes dos organismos das bacías competentes no territorio galego, como Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Confederación Hidrográfica do Douro e Confederación Hidrográfica do Cantábrico; así como representantes das tres universidades galegas, das asociacións ecoloxistas que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos ecosistemas fluviais; a Federación galega de Pesca e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Podes consultalo Decreto para a creación e regulación deste Observatorio dos ríos na nosa sección Ecolexislación.

Comparte esta noticia