Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Limpeza ríos galegos

Retiran máis de 8 toneladas de residuos na X Limpeza simultánea de ríos

O Proxecto Ríos contou coa participación de máis de 650 persoas na limpeza que levaron a cabo na xornada do domingo

A limpeza realizouse en 49 concellos de toda Galiza e actuouse nun total de 43 treitos fluviais

02-10-2017

Este domingo, novamente moitas persoas «molláronse» polos ríos na X Limpeza simultánea en varios cursos fluviais. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñan o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, unha colchoneta de praia, plásticos de silo, pilas, electrodomésticos, uralitas. As toalliñas húmidas volveu ser do lixo máis abundante. Apareceu tamén roupa, calzado…

No reconto preliminar, calculan que os residuos de tódolos concellos suman máis de 8 toneladas. Porén, o principal obxectivo non era este, xa que o voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, senón que é unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso realizan actividades como esta.

A X Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos» celebrouse este ano en 49 concellos de toda Galicia, e participaron un total de 69 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 10 concellos que organizan directamente esta actividade. Actuouse nun total de 43 treitos de río.

Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Para esta actividade contan coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Tamén colaboraron os concellos de A Coruña, A Estrada, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.

Na seguinte táboa pódense ver os resultados provisionais.

Consulta más información sobre a campaña en Proxecto Ríos

Imaxe aportada dende Proxecto Ríos

Comparte esta noticia