Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


Día Mundial dos Humidais

Día Mundial dos Humidais: os humidais urbanos son terreos valiosos, non baldíos

No día Mundial dos Humidais son moitos os colectivos que alertan da importancia destes espazos naturais, moitas veces infravalorados

02-02-2018

Cada ano, a Convención de Ramsar sobre os Humidais celebra o Día Mundial dos Humidais o 2 de febreiro para crear conciencia en todo o mundo sobre a súa importancia e a necesidade de conservalos. Os humidais cóntanse entre os ecosistemas máis produtivos do planeta, e cumpren funcións ecolóxicas fundamentais para o home. Á súa vez, albergan unha importante biodiversidade e consitúen o hábitat de numerosas especies animais e vexetais. No día Mundial dos Humidais son moitos os colectivos que non esquecen a importancia destes espazos naturais moitas veces infravalorados.

Dende o colectivo ecoloxista Adega, aproveitan para reivindicar que Galicia é o territorio do Estado con maior diversidade de lagoas, brañas, xunqueiras, bosques húmidos e turbeiras, que ocupan máis de 7.600 hectáreas. Apesar desta diversidade e de que en 2007 a Xunta inventariou uns 1100 humidais, o colectivo denuncia que só cinco gozan de protección legal específica acollidos baixo o convenio Ramsar: as rías de Ribadeo e Ortigueira e a de Ribadeo, a lagoa de Valdoviño (Frouxeira), o Complexo Húmido de Corrubedo e o Complexo intermareal Umia-Ogrobe.

A xestión inadecuada destes ecosistemas unida ás nulas políticas de protección e recuperación, provocou en moitos casos o sangrado, entullado, desecamento e destrución dun bo número de humidais galegos. Casos como a desaparición das lagoas de Pantín (Valdoviño) e Corme (Laxe), a degradación das turbeiras do Xistral ou da lagoa sacra de Olives (A Estrada) polos eólicos; ou a situación crítica das Gándaras de Budiño, no medio dun polígono industrial. Mesmo a Xunta chegou a aprobar un plano de conservación para o humidal da Frouxeira, un dos 5 humidais de importancia internacional de Galiza, antepoñendo o coidado do paseo marítimo periodicamente asolagado ao equilibrio ecolóxico do humidal.

A metade da humanidade vive en áreas urbanas. Esa proporción chegará 66% en 2050 cando máis persoas cheguen ás cidades en busca de mellores empregos e unha vida social activa. As cidades xeran preto do 80% da produción económica mundial. A expansión das cidades e o aumento da demanda de terra trae consigo presións para os humidais, que se degradan, rechean e usan como terra para a construción. Porén, as zonas húmidas urbanas que permanecen intactas ou son restauradas contribúen a que as cidades sexan máis habitables.

Reducen enchentas

Os humidais poden actuar como esponxas xigantes para absorber a auga das enchentas: ríos, charcas, lagos e xunqueiras absorben e almacenan abundantes choivas. Nas cidades costeiras, marismas e mangleiros constitúen un amortecedor contra as mareas de tempestade.

Proporcionan auga potábel

Os acuíferos subterráneos, as augas pluviais e os ríos son a fonte de case toda a auga potábel. Os humidais poden filtrar a auga que entra nos acuíferos e axudan a recargalos. A protección dos ríos e a redución de escorrentía nociva tamén pode contribuír a protexer as reservas de auga.

Filtran os residuos e melloran a calidade da auga

O chan rico en sedimento e a abundante vexetación das zonas húmidas poden funcionar como filtros de auga ao absorber importantes cantidades de toxinas, pesticidas agrícolas e residuos industriais. Os humidais urbanos poden contribuír ao tratamento das augas residuais das casas.

Melloran a calidade do aire nas cidades

Os humidais producen aire húmido debido aos seus altos niveis de auga e a súa abundante vexetación. Isto arrefría naturalmente o aire circundante, que é un alivio tanto para as cidades tropicais como nos climas onde o aire é extremadamente seco.

Promoven o benestar humano

Os humidais urbanos ben deseñados e conservados como as zonas verdes das cidades ofrecen espazos para recreación de persoas e acceso a unha diversidade de plantas e animais. Hai estudos que confirman que a interacción coa natureza reduce o estrés e mellora a saúde das persoas.

Son un modo de vida para as persoas

Moitos tipos de peixes desovan e reprodúcense nos humidais facéndoos moi apreciados pola pesca. As zonas húmidas proporcionan produtos valiosos para os habitantes locais, como canas e herbas para fabricar tecidos así como froitas e plantas e medicinais. Ademais, as zonas húmidas atraen ao turismo, outra importante fonte de emprego.

Iniciativas a prol dos humidais

Entre os colectivos que hoxe se suman á celebración do Día Mundial dos Humidais atópase o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) que organiza nesta xornada un roteiro interpretativo, que terá lugar ás 12.30 horas. Unha proposta que se levará a cabo na illa de Santa Cruz e a súa contorna (a baía de Santa Cruz) que congrega unha gran cantidade de aves, e na que o equipo de educación do CEIDA dará a coñecer as principais especies que alberga, co fin de sensibilizar e reflexionar sobre a importancia destes ecosistemas que son imprescindibles para a vida na Terra.

Podes consultar máis detalles sobre o roteiro.

Comparte esta noticia