Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


ADEGA lembra o labor do movemento ecoloxista para protexer os humidais galegos

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ven de lembrar que a figura de humidal protexido galego “criouse durante o goberno bipartito mediante o Decreto 127/2008, ao que xa de entrada incorporáronse os 5 humidais Ramsar declarados polo Estado en Galiza”. Esta norma tamén criaba o Inventario de Humidais de Galicia (IHG), paso previo para incorporar novos humidais protexidos. Porén, malia que dende 2003 o IBADER xa tiña elaborado un Inventario con máis de 1.100 humidais galegos, ADEGA indica que a Xunta “negouse a tramitar a protección destes espazos e en 15 anos só se declarou un humidal máis como protexido: o Parque Nacional das Illas Atlánticas”.

A asociación ecoloxista indica que, durante este tempo, Galicia tiña unicamente protexidos outros 5 espazos máis: as rías do Eo e Ortigueira, a lagoa de Valdoviño e os complexos Umia-Ogrobe e Corrubedo. Á súa vez, houbo numerosas intervencións sobre o territorio, como “ducias de parques eólicos e centos de plantacións de eucaliptos ocuparon e degradaron numerosas zonas húmidas, aproveitando este intencionado baleiro legal”. Esta anomalía administrativa compensarase a través da actualización de dúas ferramentas: os Planos Hidrolóxicos de Galicia Costa e o da demarcación Miño-Sil. Entre outras propostas, a representación ecoloxista trasladou a necesidade de incorporar como zonas protexidas o conxunto dos humidais inventariados no catálogo do IBADER dende o 2003.

ADEGA afirma que “as nosas demandas ao respeito veñen de ser aceptadas e figuran xa nos documentos definitivos de planificación que en breve serán publidados no DOG e BOE”. No marco da actual mudanza climática, a Directiva Marco da Auga impón medidas especiais de conservación para as zonas húmidas: ríos, lagos, xunqueiras, brañas, turbeiras e gándaras “adquiren unha dimensión chave e a súa protección tórnase estratéxica para amortecer os efectos adversos do clima, capturar carbono, regular o ciclo hídrico e manter a bodiversidade”.

“A reticencia das administracións a tomar en serio a protección dos nosos humidais provocou que moitos deles foran ocupados e degradados por todo tipo de infraestruturas, nomeadamente parques eólicos e plantacións de eucaliptos”, subliña a asociación. Así, a nova vaga eólica deberá ter en conta agora a presenza destas novas zonas húmidas protexidas, tanto polas afeccións directas como indirectas e sinérxicas. ADEGA advirte que nalgúns casos xa será tardem como para o Pozo da Lagoa en Corme, “desfeita polo repotenciamento do parque eólico do mesmo nome”. Porén, moitos outros humidais ameazados por eólicos aínda poden ser salvados da desfeita ao pasar a formar parte das zonas protexidas nas planificacións hidrolóxicas.

Por todos estes motivos, ADEGA insta á Xunta e ao Ministerio a “revisar de oficio as autorizacións ambientais concedidas para os parques aínda non construídos ou en tramitación que poidan afectar a algún dos 1.131 humidais arestora incorporados aos documentos de planificación hidrolóxica das bacías da súa respeitiva competencia”. O contrario, segundo a asociación, “sería outro exemplo da política de feitos consumados no que os poderes públicos voltarían ser cómplices da depredación dun patrimonio público tan sensíbel como son as nosas zonas húmidas”.

Comparte esta noticia