Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Xunta destina 4 millóns de euros a axudas para as explotacións danadas polos incendios do Courel e Valdeorras

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, ven de manter un encontro con alcaldes dos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Samos e O Incio, para analizar os danos causados polos lumes forestais rexistrados na zona do Courel. Así, confirmou que o seu departamento destinará 4 millóns de euros en axudas para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras que se viran afectadas por estes incendios. González lembrou que onte o Consello da Xunta deu conformidade ao decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante xullo. Así, serán un total de 9 millóns, dos cales catro corresponden á Consellería do Medio Rural.

O conselleiro indicou durante a xuntanza que esta convocatoria de axudas “tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e por rateo, cuns límites máximos que estarán fixados na convocatoria segundo o tipo de beneficiario”. Estes topes oscilarán entre os 3.000 euros e os 50.000 euros. Ademais, González subliñou que, no caso das subvencións para explotacións forestais, poderán concederse axudas para a reposición das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais e a maquinaria e equipamento forestal danados como consecuencia dos labores de extinción dos incendios. No que respecta ás explotacións agrícolas e gandeiras, o conselleiro indicou que as axudas cubrirán a reposición dos bens, equipamentos, maquinaria, medios de produción, producións e gando ou colmeas danados, así como a subministración de alimentación complementaria de gando ou colmeas nas zonas afectadas polos incendios.

Episodio meteorolóxico

O conselleiro tamén sinalou que, ata o momento, os lumes rexistrados na zona do Courel están xa controlados. Estes lumes chegaron a unirse e afectan unha superficie total estimada de 11.100 hectáreas. Indicou que alí permanecen os efectivos do Servizo de prevención e extinción da Xunta refrescando as zonas para evitar posibles reproducións. Sobre isto, o titular de Medio Rural lembrou que na tarde noite do xoves, 14 de xullo, Galicia viviu un episodio denominado sistema convectivo de mesoescala, un fenómeno meteorolóxico propio do Mediterráneo onde se rexistraron máis de 6.000 raios en cuestión de catro horas, situación que ocasionou ata medio cento de lumes na comunidade.

Por outra banda, o conselleiro puxo en valor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, coa cal se implementaron xa 19 aldeas modelo e se está traballando na posta en marcha de 15 polígonos agroforestais. Unhas figuras, explicou, que ademais de recuperar a terra produtiva permite traballar na prevención de incendios forestais. Así, no primeiro ano de vixencia desta lei están sendo mobilizadas máis de 5.000 hectáreas de terreo, das cales 4.531 hectáreas corresponden a polígonos agroforestais e 523 ha a aldeas modelo.

Por último, o titular de Medio Rural indicoulle aos rexedores que, desde onte, está desprazado nas zonas afectadas do Courel un equipo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán para avaliar a afección no solo e poder tomar as medidas necesarias para recuperar o potencial forestal da contorna. Ademais, lembrou que, malia que estes lumes foron provocados por raios, estes días estanse rexistrando tamén incendios “claramente intencionados”, polo que reiterou a chamada á cidadanía para que extreme as precaucións e que denuncie calquera indicio sobre unha posible actividade incendiaria.

Zona de Valdeorras

Pola tarde, o conselleiro e o director xeral, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazaranse ata o Barco de Valdeorras para manter outra xuntanza cos alcaldes dos concellos afectados polo lume da comarca de Valdeorras. Así, o lume iniciado o xoves 14 de xullo na parroquia de Riodolas permanece controlado e afecta unha superficie estimada de 10.500 hectáreas. No municipio de Vilariño de Conso segue estabilizado o incendio cuxa superficie total afectada se sitúa nunhas 6.500 hectáreas. En ambos casos permanecen traballando os efectivos da Xunta para refrescar a zona e evitar reproducións. Nos vindeiros días tamén se desprazarán os técnicos do CIF de Lourizán para avaliar os danos ambientais.

Comparte esta noticia