Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Xunta concede axudas a 124 concellos para mellorar a xestión de biorresiduos de orixe doméstica

A Xunta de Galicia ven de conceder un total de 4,82 millóns de euros en axudas a 124 concellos e entidades locais galegas para apoialas no impulso e financiamento de proxectos e actuacións relacionadas coa separación da materia orgánica de competencia municipal, os biorresiduos domésticos. Así se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, na que se detalla a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, financiadas con cargo aos fondos europeos do programa NextGenerationUE.

Estes incentivos foron convocados a finais do ano pasado con dúas liñas de actuación diferenciadas: por unha banda, proxectos municipais de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada dos biorresiduos destinados a instalacións específicas para o seu tratamento biolóxico; e por outra, iniciativas de separación e reciclado en orixe da materia orgánica a través da súa compostaxe doméstica ou comunitaria.

Entre os gastos subvencionados figuran a adquisición de contedores, caldeiros domésticos para biorresiduos, composteiros domésticos ou comunitarios, biotrituradoras, aireadores, termómetros e tamizadoras ou camións de recollida da fracción orgánica, así como para a posta en marcha de campañas informativas dirixidas á veciñanza para axudala a diferenciar onde e que residuos botar no contedor marrón. Os incentivos outorgados pola Xunta poden chegar a cubrir ata o 90% do custo total da actuación, de xeito que a entidade local beneficiaria terá que asumir o importe restante.

Dos 124 concellos, deputacións e agrupacións locais que recibiron algunha destas axudas, a maior parte dos beneficiarios pertencen á provincia da Coruña, cun total de 53; outras 32 entidades son de Lugo; 28 son de Pontevedra; e as 11 restantes son de Ourense. Aquelas entidades locais que recibiron axudas para ambas liñas de actuación, poderán distribuír os fondos asignados da forma que mellor se adapte ás súas necesidades.

Estratexia galega de biorresiduos

Para cumprir co obxectivo fixado por Europa de implantar a recollida de biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023, a Xunta deseñou a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, dotada con 60 millóns de euros destinados a habilitar incentivos e activar unha nova rede de infraestruturas para a valoración da materia orgánica que permita optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e impulsar a economía circular. Nesta rede enmárcanse as catro novas plantas de biorresiduos promovidas por Sogama e outras 13 de transferencia, que implicarán a mobilización de 38,6 millóns de euros para conseguir que os concellos dispoñan dunha destas instalacións a menos de 50 km de distancia.

Comparte esta noticia