Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A Praza do Obradoiro énchese o Día Mundial do Medio Ambiente para loitar contra a invasión eólica

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, a Praza do Obradoiro (Santiago de Compostela) acolleu o pasado 5 de xuño unha multitudinaria manifestación de persoas e colectivos que reclamaron un modelo enerxético alternativo para Galicia baixo o lema de “Temos alternativa!. Por unha enerxía xusta e sustentábel. Por unha enerxía por e para o pobo”. Convocados pola Coordinadora Eólica Así Non, varios milleiros de manifestantes e máis de 200 colectivos e plataformas sumáronse a esta mobilización para esixir aos gobernos da Xunta e do Estado “unha alternativa xusta e ecolóxica ao actual modelo depredador e colonial de transición enerxética, dirixido polas grandes corporacións multinacionais da enerxía, coa conivencia das administracións públicas”.

A marcha partiu ás 12:00 horas dende a Alameda de Santiago de Compostela, onde os membros da Coordinadora declararon que “este é o momento de rachar coa lóxica capitalista da produción e o consumo de enerxía, baseada na destrución do medio ambiente, no espolio de recursos e na produción intensiva e centralizada da enerxía por parte dun oligopolio enerxético que mantén cautiva á sociedade ao servizo dos seus intereses privados". Ademais, denunciaron que este modelo depredador pretende agora instaurarse como modelo dominante na implantación de enerxías renovables. Segundo a Coordinadora, “é un modelo colonial, inxusto coa sociedade galega e insustentábel, porque pon en risco a nosa soberanía alimentaria e a preservación de ecosistemas e hábitats que son fundamentais para afrontar o reto climático".

Tras o percorrido polas rúas compostelás, a Coordinadora Eólica Así Non completou a exposición das súas reivindicacións coa lectura do manifesto “Temos alternativa!” na Praza do Obradoiro. O texto foi lido por representantes das plataformas veciñais e sectoriais que sofren directamente a ameaza da actual invasión eólica. Así, voceiros e voceiras de colectivos como a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, a Organización Galega de Montes Veciñais, a Rede do Patrimonio, ou de plataformas locais de afectados/as de zonas como a Terra Chá, o Val do Dubra e A Baña, Ortegal, as Terras do Mandeo, Mondoñedo ou Macizo Central ourensán foron os encargados expoñer 9 principios sobre os que Eólica Así Non fundamenta a súa proposta enerxética.

O manifesto pretende explicar que existen outros modelos enerxéticos realmente xustos e sustentables. Así, válese de 9 principios, precedidos coa frase “Temos alternativa!”: pídese a proteción da natureza; a preservación dos caladoiros de pesca e dos correcores ecolóxicos mariños; a necesidade de coidar e valorar o noso patrimonio; unha enerxía compatible coa soberanía alimentaria; o aforro e eficiencia enerxética antes que o aumento na xeración; a soberanía sobre os nosos recursos fronte ao espolio enerxético; a planificación eólica con fins socioambientais e ao servixo do país; a participación pública fronte aos recortes democráticos e ilegais; e o principio de precaución para a preservación da saúde pública.

Deste xeito, o manifesto insta a priorizar o aforro e a eficiencia enerxética fronte o aumento da xeración. As entidades convocantes da manifestación lembraron que a planificación eólica de Galicia está obsoleta e carece de aval social e ambiental. Por este motivo, reclamaron novamente “o deseño dunha planificación enerxética con fins socioambientais e ao servizo do país, elaborado a partir da participación activa da cidadanía, co gallo de facer prevalecer o interese público fronte ao privado e considerando a enerxía como un ben básico para a sociedade”.

A lectura do manifesto rematou cunha denuncia aos gobernos da Xunta e do Estado por promover “continuas reformas lexislativas pola vía da urxencia e sen consulta pública, co obxectivo de favorecer ás promotoras enerxéticas, e á custa de recurtar garantías ambientais e de participación democrática”. Así, os convocantes lembraron que a Xustiza xa declarou ilegais algunhas das súas modificacións normativas, obrigando ao goberno galego a rectificar para cumprir as leis vixentes. A Coordinadora tamén manifestou a súa intención de seguir ampliando este gran movemento social e de mobilizar o país ata conseguir que a comunidade teña un “modelo enerxético racional, sustentábel, e xusto co seu territorio e coa súa xente”.

Por último, os mestres de cerimonia, a actriz Isabel Risco e o contacontos Lois Pérez pecharon o acto reivindicativo ao berro de "Temos alternativa, temos futuro!" Enerxía por e para o pobo!", logo de que o grupo "Cuarteto de Barbude" puxese fin á manifestación coa interpretación do himno galego.

Comparte esta noticia