Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A falta de prevención pasa factura a Galicia en forma de incendios incontrolables

A campaña de loita contra incendios forestais deste ano está activa e, co alto risco xa declarado, Galicia afronta un verán crítico e un outono por escribir. As condicións ambientais fan que a comunidade galega vexa con preocupación o periodo que vai dende xuño ata outubro como consecuencia das escasas precipitacións e a falta de políticas de prevención de incendios. Neste sentido, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ven de informar da aprobación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), con un custe de 180 millóns de euros. O documento supón o despregue a 1 de xullo de 7.000 efectivos e inclúe novidades en detección de incendios, xunto con cambios para reforzar os mandos operativos e a coordinación.

O Pladiga 2022, que está vixente ata que se aprobe unha nova actualización, incorpora unha serie de novidades, entre as que destacan incorporación de seis novas cámaras de videovixilancia e a introdución de novas funcionalidades en canto á reconstrución de incendios. Outra das súas claves é o reforzo e o impulso o labor da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), pero que está a “restar” efectivos a moitos distritos e xerar descontento nalgún deles, nomeadamente entre os “eventuáis”. Ademais, continúa a mellora do parque de motobombas do Servizo de Prevención de incendios coa renovación, este mesmo ano, de 13 destes vehículos. Pola súa parte, segue a actualizarse o listado de parroquias de alta actividade incendiaria, o que permite avanzar na planificación das accións preventivas. Concretamente, identifica un total de 35 parroquias de alto risco de incendio, o mesmo número que o ano pasado (nas que, con moi limitado éxito, se actúa mediante charlas veciñais).

Outra das grandes novidades é a creación do Sistema Estrutural de Mando Operativo para afondar na mellora da organización, coordinación e eficacia do dispositivo. Trátase dun sistema que libera de tarefas secundarias ao director técnico de extinción de cada incendio. Ademáis, establécese a sectorización para xestionar con maior eficacia os medios despregados e as labores de extinción. Tamén se crea unha nova aplicación de formación que ofrece material didáctico de consulta e comunicacións de interese.

Máis de 1.400 persoas traballarán repartidas en diferentes brigadas da Xunta. A todos estes traballadores súmanse os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, así como os membros dos equipos de investigación e os equipos de bombeiros comarcais. Complétase coas altamente cualificadas Brigadas de Loita contra Incendios Forestais (BRIF), sendo Laza todo un exemplo de profesionalización, mais dependen do Ministerio. En relación con isto, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, ven de subliñar recentemente a importancia do traballo coordinado entre as diferentes administracións tanto no campo de prevención como no da extinción dos incendios coa fin de conseguir unha maior eficacia.

Por outra banda, a Consellería de Medio Rural está invertindo máis de 80.000 euros na mellora de áreas de devasa. En relación ás pistas forestais, acuarase en preto de 37 hectáreas de faixas auxiliares e en 5 quilómetros por este tipo de vías. Os labores comezarán no monte de Tal (Muros), realizando mellora de pistas. Posteriormente, continuarán no monte de Bornalle (Abelleira), tamén con mellora de pistas e desbroce de faixas auxiliares. Os traballos enmárcanse no Plan preventivo da Consellería Rural. A programación de 2022 acaba de ser aprobada polo Consello da Xunta e contempla unha inversión de 33,1 millóns de euros para actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación.

Accións preventivas

En canto ás accións “teóricamente” preventivas (moitas así definidas son, en realidade, accións de mantemento de infraestructuras propias da extinción), a Xunta destina deste ano un total de 33,1 millóns de euros ao Plan de prevención de incendios forestais, o que supón incrementar a súa dotación preto dun 13% respecto do exercicio anterior. Segundo a Consellería de Medio Rural, con eses fondos está previsto actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Deste xeito, “increméntanse lixeiramente as previsións canto á superficie de intervención, ao tempo que medra preto dun 16% a cifra de quilómetros”. Ademais, neste plan tamén se establece como horizonte a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes. Isto suporá actuar nun total de 4.861 puntos.

O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Ademais, entre outras finalidades, destacan as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede infraestruturas preventivas correctamente dimensionada e mantela en bo estado de conservación. Trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros. A concienciación da poboación sobre o risco que supoñen os incendios forestais e os seus impactos negativos é outra das finalidades do plan, que incidirá sobre todo na poboación rural e tamén na comunidade educativa.

Este plan, que estará vixente ata que se aprobe o de 2023, estrutúrase en dous grandes bloques. Por unha parte, está a programación de medidas e accións dirixidas á poboación, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar. Así, están previstas un total de 304 charlas, 16 en cada distrito forestal, dirixidas a estudantes de diferentes niveis, que serán impartidas por axentes ambientais e técnicos. Tamén se contemplan accións de formación dirixidas á poboación rural, así como campañas de difusión en medios de comunicación. Neste apartado tamén se inclúe a regulación do uso do lume, os labores relacionados co borrador do anteproxecto de lei integral contra os incendios ou o desenvolvemento do Centro integral para a loita contra o lume de Toén (Ourense). O segundo gran bloque deste plan preventivo céntrase nas medidas e accións dirixidas ao territorio. Neste apartado intégranse, por exemplo, as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa tanto nas faixas primarias como nas secundarias e nas terciarias.

Os concellos e a prevención de incendios forestais

A Consellería do Medio Rural elaborou e entregou un total de 259 plans municipais antiincendios aos seus respectivos concellos, dos cales 183 xa están aprobados de forma definitiva. Así, en tres anos pasouse de non haber case ningún plan en Galicia a que o teñan hoxe en día (aprobado ou en tramitación) preto do 75% dos municipios galegos. Segundo a Consellería, a elaboración dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais son competencia dos concellos. Porén, diante da dificultade técnica que tiñan os municipios á hora de elaborar ditos plans, a Xunta asumiu este traballo ao abeiro do convenio de protección das aldeas, subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga no ano 2018 e no que están adheridos un total de 273 concellos galegos.

Nesta liña, cabe indicar que a Consellería remite un primeiro borrador do plan ao concello pertinente para que sexa analizado polo propio Goberno local. Unha vez dado o visto bo, remíteselle o documento final para a súa aprobación no pleno municipal.

Dispositivo de loita contra incendios forestais do Goberno estatal

Pola súa parte, o Goberno estatal ven de dar a coñecer o dispositivo de loita contra incendios forestais para a campaña 2022. O operativo incorpora “a máis alta tecnoloxía, como avións de coordinación e observación, e ferramentas satelitais, para axudar na prevención e extinción dos incendios e reducir o seu impacto, ademais dos efectos humanos dispoñibles sobre o terreo”. O dispositivo complementará a actuación das comunidades autónomas durante o periodo entre o 15 de xuño e o 31 de outubro, o de máis alta incidencia das emerxencias deste tipo. A campaña foi deseñada ao longo dos últimos meses polo Comité Estatal de Coordinación e Dirección contra Incendios Forestais (CECOD), que se reuniu recentemente para repasar as distintas variables que poden condicionar esta campaña.

Aínda que os meses do verán son os que supoñen un alto risco na maior parte do territorio, os medios do MITECO permanecen activos durante todo o ano, xa sexa en tarefas de prevención ou en labores de extinción naquelas rexións onde o maior risco de incendios desprázase a outras épocas do ano, como o caso da cornisa cantábrica.

Neste sentido, o MITECO pon a disposición das comunidades autónomas aeronaves e medios materiais e humanos, en especial as Brigadas de Loita contra Incendios Forestais (BRIF). A BRIF de Laza (Ourense), unha das máis coñecidas a nivel estatal pola experiencia e capacitación do seu persoal, contará cunha das bases de prevención e extinción de incendios máis avanzadas e modernas de España. Será a través da construcción dun novo edificio e servizos complementarios para atender as necesidades dos traballadores. Así o anunciou José Miñones, delegado do Goberno en Galicia. Unha vez aprobado o proxecto (que xa está en redacción), a previsión é comenzar as obras no próximo ano cunha dotación de 3,8 millóns de euros. A mellora da base de Laza, segundo Miñones, “terá un efecto dinamizador na comarca”.

Os medios aéreos dispoñibles son 16 avións anfibios, 8 hellicópteros bombardeiros Kamov, 10 avións de carga en terra AT-802, 19 helicópteros medios de transporte de brigadas, 4 avións de coordinación e observación (ACO) e 4 helicópteros de vixilancia operados pola Garda Civil. A eles súmanse 7 unidades móbiles de análise e planificación sobre o terreo e preto de 1.000 efectivos entre técnicos, pilotos e mecánicos das aeronaves, persoal das brigadas forestais e as bases de medios aéreos e traballadores do Ministerio, entre outros. Ademais, o dispositivo habilitado polo Goberno conta cos efectivos humanos e materiais da Unidade Militar de Emerxencias e do 43 Grupo do Exército do Aire. O dispositivo español contra incendios é referente internacional na extinción de incendios forestais e conta coa axuda de ferramentas tecnolóxicas moi avanzadas que facilitan o traballo dos servizos de emerxencia.

A flota de extinción de incendios da Comisión Europea

A flota de avións de extinción de incendios da Unión Europea xa está lista para axudar aos países europeos a loitar contra os incendios forestais ao longo da temporada alta. A flota forma parta de rescEU, unha reserva europea de recursos para responder a emerxencias. Un total de doce avións e un helicóptero de extinción de incendios, estacionados en Croacia, Francia, Grecia, Italia, Suecia e España, estarán preparados para a súa entrada en acción este verán para salvar vidas e contornas naturais.

Así, a flota de extinción de incendios de rescEU está composta por dous avións de extinción de incendios procedentes de Croacia, dous avións de extinción de incendios procedentes de España, dous avións de extinción de incendios procedentes de Francia, dous avións de extinción de incendios e un helicóptero procedentes de Grecia, dous avións de extinción de incendios procedentes de Italia e seis avións de extinción de incendios procedentes de Suecia. A flota está estratexicamente situada en todos os Estados membros da UE, que se encargan da explotación e mantemento das aeronaves. Isto engádese aos máis de 200 bombeiros e equipo técnico de Alemaña, Bulgaria, Finlandia, Francia, Noruega e Rumanía, que estarán estacionados en Grecia para facilitar axuda inmediata aos primeiros intervinientes nacionais ao longo de toda a temporada de incendios.

Prevención esquecida

O desenvolvemento de tarefas de prevención segue a ser a gran materia pendente. A maior parte de orzamentos que se destinan supostamente a esta actividade son, en realidade, inversión en mantemento de infraestruturas, ligadas á extinción. A situación agrávase pola falta de incentivos e interese por parte de potenciais novos habitantes do medio rural, que desenvolven actividades no sector primario, compatibles con tarefas preventivas, como a gandería extensiva ou o aproveitamento agroforestal do monte (o que favorece a extensión de monocultivos ou monte improdutivo).

Por outra banda, a falta de estabilidade laboral dos equipos de extinción (dependentes da Xunta de Galicia) e a súa temporalidade fan que a comunidade non poida contar con persoal debidamente cualificado, tanto nas tarefas de extinción como para capitanear ou dirixir acción colaborativas coa cidadanía en xeral e particularmente con agricultores e gandeiros. Estas accións teñen que ver co aproveitamento, mantemento e mellora do monte, a práctica de queimas controladas durante o inverno ou os desbroces.

Comparte esta noticia