Utilizamos cookies para mellorar a experiencia do usuario e analizar o tráfico do sitio web.

Preferencias

Cando visita calquera sitio web, pode almacenar ou recuperar información a través do seu navegador, xeralmente en forma de cookies. Dado que respectamos o seu dereito á privacidade, pode optar por non permitir a recompilación de datos de certos tipos de servizos. Con todo, non permitir estes servizos pode afectar a súa experiencia.


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou hoxe un novo convenio de colaboración cos responsables da Cemma para 2023

A XUNTA RENOVA A SÚA COLABORACIÓN COA COORDINADORA PARA O ESTUDO DOS MAMÍFEROS MARIÑOS CO FIN DE GARANTIR A ATENCIÓN AOS ANIMAIS QUE VAREN NA COSTA GALEGA

— Entre as accións a desenvolver ao longo deste ano figuran a detección de animais que chegan con dificultades ao litoral, a prestación dos primeiros auxilios e dos coidados posteriores e, se procede, a identificación da causa da súa morte

— O ano pasado a Rede de varamentos de Galicia rexistrou un total de 223 exemplares de animais mariños, sobre todo cetáceos e tartarugas, no litoral da Comunidade

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2023.- A Xunta de Galicia e a Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) seguirán colaborando este ano na asistencia e recuperación dos animais varados no litoral galego.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da entidade, Xabier Pin, asinaron esta mañá un novo convenio para manter as accións que, desde hai dúas décadas, desenvolven de maneira conxunta ambas entidades co fin de garantir a conservación dos réptiles e mamíferos mariños que recalan nas costas de Galicia con algún tipo de dificultade.

Deste xeito, a Cemma comprométese a comunicar á Xunta a detección de episodios de varamentos de tartarugas e mamíferos mariños na costa galega; á prestación dos primeiros auxilios aos exemplares vivos, así como a súa posterior hospitalización, tratamento e alimentación; e no caso de falecemento, a identificación, se é posible, das causas da morte mediante os correspondentes exames e recollida de mostras.

A Consellería, pola súa parte, ocuparase do deseño e supervisión das propostas encamiñadas a asistir aos animais, en especial, aquelas que sexan necesarias para garantir o seu reingreso ao medio natural unha vez recuperados e achegará 15.000 euros para contribuír a financiar o traballo da Coordinadora.

A sinatura deste convenio enmárcase nas funcións que ten atribuídas o departamento autonómico para a defensa e promoción da conservación dos hábitats e especies en Galicia, así como ao estudo sobre o seu comportamento, as causas da perda de exemplares e as posibles medidas a adoptar que poidan reverter esta situación.

Neste sentido, a colaboración coa Cemma baséase na ampla traxectoria e experiencia que avalan en Galicia a esta organización sen ánimo de lucro, que vén participando activamente na asistencia aos animais varados nas costas da Comunidade e na súa recuperación ao abeiro dos sucesivos convenios que desde o ano 2003 mantén coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

De feito, trátase da única entidade autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para xestionar e coordinar a Rede de varamentos de Galicia, xa que os animais tratados soen ser especies protexidas, o que require das pertinentes autorizacións.

Para desenvolver o seu labor, a asociación dispón de dúas unidades móbiles e dun centro veterinario en Nigrán, dotado de UCI e destinado en exclusividade ao tratamento destas especies de animais.

Balance varamentos 2022

Ao abeiro do anterior convenio coa Xunta, rexistráronse durante 2022 —segundo datos recollidos ata o pasado 10 de decembro— un total de 223 animais varados ou en risco de varar nas costas galegas, dos cales chegaron con vida un 23%.

A grande maioría destes exemplares pertencían ao grupo dos cetáceos (un 76%) e dentro destes, máis da metade eran golfiños comúns aínda que tamén se detectou unha grande cantidade de delfínidos non identificados.

Cómpre lembrar que Galicia alberga unha franxa moi importante de litoral que debido á súa especial situación xeográfica e á influenza das correntes alberga unha importante representatividade de vertebrados mariños —entre os que destacan os mamíferos e, en menor medida, a tartaruga mariña—, estando incluídas algunhas delas na listaxe de especies en réxime de protección especial e no Catálogo galego de especies ameazadas.

Saúdos do Gabinete de Comunicación de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Comparte esta noticia