Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


A Serra do Invernadoiro

A Serra do Invernadoiro, un tesouro ecolóxico

A Serra do Invernadoiro é unha área montañosa situada no centro da provincia ourensana. Forma parte do Macizo Central Ourensán. Enmárcase no concello de Vilariño de Conso, na comarca de Viana, e lindando coas de Terra de Trives e Verín. Foi declarado Parque Natural o 5 de xuño de 1997. E conta, ademais, con outras figuras de protección xa que é Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Lugar de Importancia Comunitaria. As localidades de referencia para a zona son Laza, Verín e Vilariño de Conso.

Os ríos Ribeira Grande e Ribeira Pequena regan estas terras, que contan cun alto interese xeomorfolóxico e paisaxítico e posúen unha enorme riqueza faunística e botánica. O pasado máis remoto, no que os glaciarismos eran os protagonistas, deron como froito a orografía predominante neste recuncho. Nel sucédense os vales e as altas cumes redondeadas dende as que é posible observar un circo glaciar e a caída de varias cascadas dende o alto dos barrancos.

Ó longo do parque podemos observar fragas e carballeiras. Os carballos son a especie máis abundante nas serras que conforman esta paisaxe. O carballo albar e  o carballo meloxo conviven, froito da confluencia do clima continental e mediterráneo. Ademais, mestúranse con castiñeiros e outras especies vexetais como o teixo, o acibro ou o abruñeiro.

En canto á fauna predominante no Invernadoiro, unicamente as especies salvaxes habitan esta zona, xa que non hai poboacións humanas nin explotacións gandeiras en todo o parque. Os lobos, os corzos ou os xabaríns mestúranse con outros animais coma os cervos, as lontras, os teixugos ou os armiños. O leirón gris atopa no Invernadoiro o seu límite meridional de distribución en España. Destaca tamén a presenza doutros animais como, por exemplo, a garduña ou a marta. As instalacións da Xunta de Galicia nesta zona serviron para realizar os traballos de reintroducción en Galicia (fundamentalmente no Xurés e Invernadoiro) da ata agora esgotada cabra montés (Capra pyrenaica).

 

En canto ós perigos ambientais do Invernadoiro destacan os continuos lumes sufridos na zona. Uns incendios que favorecen a extensión de especies como o pino para a reforestación do terreo. E, coa conseguinte diminución de biodiversidade das especies vexetais e a reducción das poboacións de exemplares autóctonos. Outro risco é a gran cantidade de furtivos que practican a caza ilegal, favorecido por unha escasa vixiancia da Administración.

 

Ver: para coñecer de cerca a riqueza natural da Serra do Invernadoiro a mellor recomendación é a Aula da Natureza, na Ribeira Grande, pensada para investigadores e estudantes. Ademais, na zona existen varios observatorios de fauna, cercados cinexéticos de ungulados silvestres. As rutas de sendeirismo son unha ocasión única para coñecer os recunchos máis escondidos de espazo singular. Por outra banda, os restos arqueolóxicos da zona reflicten a existencia dunha civilización antiga. Son moitos os indicios da existencia de dolmens, castros e restos romanos. Mostra delo é, por exemplo, o antigo campamento romano en Castelo de Cerveira, cerca do parque. Outra opción é a visita ó Museo Etnográfico de Vilariño de Conso, para coñecer de cerca as tradicións e a forma de vida desta zona da montaña ourensana.

 

Chegar: A autovía A-52 ou a estrada N-525 ata Verín son as vías de conexión co parque. Unha vez en Verín, hai que coller a estrada comarcal OU-114 ata Laza, desviandose ata Campobecerros. E, dende este lugar accédese por unha pista forestal asfaltada ó parque natural, situado a uns 8 km ó norte. Para entrar, é necesario contar cun permiso escrito da Delegación Provincial de Medio Ambiente Natural de Ourense. Porén este permiso concédese a un máximo de 30 persoas por día, para efectuar percorridos a pé dentro deste espazo.

 

Comer: a carne de cabrito é unha das especialidades da zona. Adícaselle unha festa propia no concello de Vilariño de Conso. Ademais, o chourizo e a androia (feita coa tripa gorda e rechea de carne  e costela) son dos produtos afamados. Para rematar, a bica, o postre por excelencia destas terras ourensanas.

 

Aloxamento: aínda que non son abundantes, na comarca de Viana existen algunhas casas de turismo rural, así como hoteis e pensións. Representan unha opción moi acertada para poder facer noite na zona.

 

Créditos:

Texto: Redacción Fotografía Cabeceira: Fuente:Paradanta, Galipedia

Comparte esta noticia