Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Por un monte galego con futuro: Galicia comeza a mobilizarse pedindo accións

A actual catástrofe ecolóxica que supoñen os incendios forestais en Galicia provoca graves consecuencias a todos os niveis. A plataforma “Por un monte galego con futuro”, integrada por diversos colectivos e asociacións (e que conta co apoio da Asociación Galicia Ambiental), ven de reivindicar a necesidade de “mudar radicalmente o modelo de monte galego” e extremar as medidas de prevención contra os incendios. Neste sentido, indica que as causas estruturais dos lumes forestais xa están suficientemente diagnosticadas dende hai anos, sendo coñecidas as medidas precisas para reducir a súa incidencia. O que se pregunta a plataforma é como unha administración permite o “deterioro do mundo rural abocado ao abandono, a eucaliptización e o lume”. Así, revela que moitos destes incendios que arrasan o territorio son causa destas políticas: nula prevención, recurtes, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos ou privatización encoberta das CCMM, entre outras.

Deste xeito, a actual estratexia do executivo galego para combater os incendios forestais é “agardar a que chova”. Segundo a plataforma, non foron poucas as iniciativas que se promoveron na última década por parte da sociedade galega para instar ao Partido Popular na Xunta a mudar a súa política forestal de montes, mais non houbo éxito. A Iniciativa Lexislativa Popular na defensa do bosque autóctono, malia ser ser a ILP con máis apoio social levada ao Parlamento, foi rexeitada polo grupo parlamentario do PP. Ademais, o actual executivo tamén desatendeu as máis de 40 medidas propostas polos máis de 20 colectivos dentro da campaña “Por un monte galego con futuro” para adaptar as condicións do monte galego ao actual contexto de emerxencia climática. De feito, moitas desas medidas levan agardando máis de catro décadas para poñerse en práctica.

Dende 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un indencio por cada 2 quilómetros cadrados de superficie forestal. En Galicia, co 7,7% da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada. Así, a plataforma tamén indica que o modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas é un importante factor estrutural directamente relacionado co problema dos incendios forestais (e sobre o cal si se pode actuar).

A plataforma tamén advirte de que actual vaga de lumes está deixando feridos de morte algúns espazos naturais protexidos de gran valor ecolóxico, como o caso da Rede Natura de Ancares-Courel, o Macizo Central e os Parques Naturais do Invernadoiro e da Serra da Enciña da Lastra. Ademais, as consecuencias ambientais e sociais destes incendios son moi graves, xa que se perden espazos que acollen hábitats e especies imprescindibles para a conservación da nosa biodiversidade. Porén, “a Xunta segue facendo deixación de funcións na súa xestión dos espazos naturais protexidos e resístese a ampliar os espazos da Rede Natura”. Neste sentido, o colectivo esixe á Xunta e aos servizos de Medio Ambiente e de Medio Rural que promovan “medidas extraordinarias de custodia, vixilancia, prevención e de extinción” nos espazos naturais protexidos da comunidade galega para combater os incendios forestais.

Dez medidas para loitar contra os lumes máis eficazmente

“Por un monte galego con futuro” menciona dez medidas para loitar contra os lumes de forma máis eficaz: un ordenamento territorial acorde coas características do noso país; unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas e sociais; un novo Plano Forestal que promova unha silvicultura preventiva e sustentable; un incremento dos esforzos e os investimentos en prevención; planiticación e desenvolvemento de programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados; labores de rexeneración da vexetación en zonas queimadas; promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común; creación dun único servizo público formado de prevención e extinción de incendios e profesionalizar os equipos; rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes; e fomentar a educación ambiental para promover na sociedade valores e comportamentos compatibles coa preservación do medio.

Lumes, nunca máis: concentracións en apoio á veciñanza

A Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), integrante da Plataforma “Por un monte galego con futuro”, convocou dúas concentracións celebradas onte, 19 de xullo, en apoio e mostra de solidariedade coa veciñanza afectada pola lacra dos incendios forestais que asolagan as provincias de Lugo e Ourense. A asociación indica que a magnitude desta vaga de incendios “supera todo o previsto” e que ata agora deixou preto das 25.000 hectáreas calcinadas, o que asemella a un “Prestige interior” que arrasa gran parte das serras orientais galegas e varias das xoias naturais máis emblemáticas e xenuínas do país.

Neste sentido, ADEGA considera “lamentable e inxustificable” que a titular de Medio Ambiente de Galicia, Ángeles Vázquez, non comparecera aínda para concretar cantas hectáreas de espazos naturais protexidos están a ser arrasadas polas chamas, así como dar explicacións das medidas que se deberían propoñer dende o seu departamento. Polo tanto, a asociación insta á conselleira a que compareza publicamente para “dar conta de cal é a situación actual destes espazos protexidos e adiantar cales serán as medidas que se tomarán para minimizar os efectos do desastre ecolóxico”.

Así, varios centos de persoas e colectivos sociais congragáronse ante os edificios de administración da Xunta nas cidades de Lugo e Ourense para amosar a súa solidariedade coa poboación afectada pola actual vaga de incendios; e en defensa da protección efectiva dos espazos naturais protexidos que se están a consumir baixo as lapas do lume. Nas voces de varias representantes do colectivo amosouse o apoio total á veciñanza evacuada e aquela outra que permanece nas aldeas para facerlle fronte ao lume, así como ao colectivo de profesionais de prevención e extinción que traballan nas zonas afectadas.

Por este motivo, as concentracións tamén foron un acto de denuncia da catástrofe social que están supoñendo estes lumes, coas 850 persoas evacuadas das súas aldeas e as preto de 50 casas queimadas. Ademais, nas manifestacións tamén se reivindicou o reforzo especial dos dispositivos de prevención e extinción nos espazos naturais de maior valor ecolóxico e ambiental de Galicia; as accións inmediatas nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos; e o impulso de políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais dos montes. ADEGA completou a exposición das súas reivindicacións coa lectura do manifesto “Lumes Nunca Máis!”, no que se destacou a afección sobre a biodiversidade, xa que desaparecerán aves ameazadas e flora autóctona.

Plataforma “Por un monte galego con futuro”

A plataforma está integrada polos seguintes colectivos: A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociacion de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.

Comparte esta noticia