Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O Proxecto Mil Ríos chega á Mariña lucense

A Xunta de Galicia investirá máis de 106.000 euros no río Masma (na Mariña lucense) co obxectivo de recuperar a vexetación de ribeira, eliminar as especies exóticas invasoras e mellorar a conectividade fluvial. Trátase dunha acción enmarcada no Proxecto Mil Ríos, que naceu o mes pasado coa finalidade de mellorar un total de 470 quilómetros de 50 cursos fluviais e “aumentar así a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático”. Así, a Xunta impulsou esta iniciativa para restaurar os ámbitos fluviais, incrementar a biodiversidade e optimizar a conectividade ecolóxica, cunha inversión global de 5 millóns de euros (coa financiación da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationUE).

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez ven de presentar os detalles da intervención no río Masma, indicando que os traballos previstos comezarán a próxima semana con dous obxectivos principais: recuperar a vexetación de ribeira eliminando as especies exóticas invasoras (e plantando autóctonas no seu lugar); e mellorar a conectividade fluvial actuando en varias presas para resolver os problemas detectados. Estas actuacións realizaranse ao longo de 48 quilómetros do río e abarcarán unha superficie de 72 hectáreas pertencentes aos municipios de Mondoñedo, Barreiros e Lourenzá.

 

Na provincia de Lugo, a Xunta utilizará a primeira fase do Proxecto Mil Ríos para “avanzar na recuperación, restauración e mellora da resiliencia nas marxes dos tramos seleccionados en cinco canais fluviais —Landro, Lor, Oro, Guisande e Masma—, para o cal se prevé intervir nun total de 156 hectáreas e en 97,5 quilómetros de ríos que discorren por 13 municipios”. Das cinco actuacións previstas, a intervención presentada recentemente en Mondoñedo extenderase por un total de 48 quilómetros de río. Isto supón case a metade da superficie fluvial que se pretende mellorar na provincia lucense grazas a este proxecto en zonas húmidas.

 

Río Lérez

 

A Xunta tamén ven de indicar que se investirán 450.000 euros no río Lérez para “mellorar os seus hábitas fluviais, eliminar barreiras e obstáculos na parte baixa da canle para facilitar o paso dos peixes migradores e retirar especies vexetais invasoras das zonas de ribeira”. A semana pasada, Ángeles Vázquez presentou os datos principais da intervención dende a estación de control da presa de Bora. No caso concreto deste río, a conselleira explicou que os traballos dividiranse en dous grandes bloques: por unha banda, actuarase en dous obstáculos claves da parte baixa do río; por outro lado, eliminaranse árbores e arbustos exóticos invasores e se plantarán exemplares propios do bosque de ribeira e frondosas. A previsión é que os traballos sobre o terreo comecen o vindeiro mes de maio para que poidan estar rematados a finais deste ano.

 

Na provincia de Pontevedra, a Xunta utilizará o Proxecto Mil Ríos para avanzar na “recuperación, restauración e mellora da resiliencia das marxes dos tramos seleccionados en catro canles fluviais —Ulla, Tea, Miño e Lérez—, que abranguen en total case 310 hectáreas e discorren por 13 municipios”. O río Lérez foi elixido para ser incluído neste proxecto polos seus importantes valores ambientais, “que o converten nun dos principais corredores fluviais da Comunidade e lle valeron tamén para entrar a formar parte da Rede Natura 2000”.

 

Proxecto Mil Ríos

 

A conselleira de Medio Ambiente asegurou na presentación do proxecto que a Xunta “quere poñer en valor os nosos ríos e para iso creamos un proxecto trascentendal”. Así, a iniciativa supón “a posta en valor de 300 quilómetros de ríos para adecentar as súas marxes, sacar plantas alóctonas, a plantación de autóctonas, accesibilidade, así como o control do que son as nosas especies”. O Proxecto Mil Ríos ten catro eixos principais, como a eliminación e o control de especies exóticas invasoras (tanto de fauna como de flora), así como a recuperación e mellora de hábitats e especies. Ademais, tamén se pretende facer un  seguimento de peixes migradores nos ríos galegos. A realización deste proxecto tamén implica outros beneficios, como o impulso do emprego verde e o turismo sostible.

 

Segundo a Xunta, “Galicia ostenta unha rede hidrográfica ampla e basta, cuxa mellora é inabarcable nun único proxecto; polo que se apostou por intervir nas catro provincias e seleccionar aqueles ríos en función do grao de ameazas e alteracións existentes”. Así, actuarase en 8 concellos coruñeses polos que pasan os ríos Sor, Mera, Mandeo e Tambre; nos ríos lucenses Masma, Landro, Lor-Loúzara, Ouro e Guisande, que discorren por 13 concellos da provincia; nos ríos Illa, Caldo, Outeiro e Cerves, e os seus afluentes, ao seu paso por 4 municipios da provincia de Ourense; e nos ríos Ulla, Lérez, Tea e Miño, que discorren por 13 concellos da provincia de Pontevedra.

Comparte esta noticia