Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


O Grupo Parlamentario do BNG pregunta polo estado de abandono dun vertedoiro a carón da catarata do Toxa

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ven de presentar unha Proposición non de lei para debate en Pleno relativa ás medidas a tomar ante a situación dun vertedoiro ubicado na canteira ubicada nas inmediacións da fervenza do Toxa (concello de Silleda). Nesta canteira, situada a escasos metros do río Toxa e da súa Fervenza inseridos na Rede Natura 2000 Sistema Fluvial do Ulla-Deza, atópase un vertedoiro de residuos de construción e demolición.

O Grupo Parlamentar indica que entrou en funcionamento en 2002 despois dun investimento por parte da Consellería de Medio Ambiente de máis de 200.000 euros para o seu acondicionamento. A capacidade de almacenamento era de 395.000 toneladas ampliables a case 500.000 e foi xestionado, inicialmente, pola empresa Explotaciones Mineras de Campomarzo, do Grupo Indeza. Así, tratábase dun proxecto de rexeneración dunha antiga canteira no que os residuos vertidos nela debían cumprir os requisitos legais. Para cumprilos, era imprescindible un control estrito na recepción dos residuos para a súa caracterización, a clasificación, a separación dos impropios e a entrega a xestor autorizados dos mesmos.

Seis anos despois, en 2008, os veciños do lugar presentaron alegacións en contra da solicitude de autorización ambiental integrada (AAI) para a legalización da actividade por non contar co requisito de impermeabilización que esixe o RD.1481/2001. En 2010 a Xunta concedeulle a autorización ambiental integrada, facendo pasar por un depósito de residuos inertes un vertedoiro que recibe madeiras, plásticos, cartóns e unha diversidade de rexeites de residuos sen clasificar.

En 2011 produciuse un incendio no vertedoiro, que indica o vertido de residuos impropios susceptibles de combustión. O lume fora producido polos responsables do roubo de chatarra, material que non debía entrar no vertedoiro. A sanción de 25.000 euros imposta en 2017 pola Consellería de Medio Ambiente á concesionaria por depositar residuos que terían que ir a outras zonas indica que “non se fixeron as labores de control, separación e xestión dos materiais recibidos”.

A Asociación Galicia Ambiental xa denunciara en 2019 ante o Seprona as filtracións de augas lixiviadas do vertedoiro á súa contorna, a poucos metros do río Toxa e da súa Fervenza. Estes lixiviados eran potencialmente contaminantes polo tipo de residuos enterrados no vertedoiro (incumprindo a lexislación da Dirección Xeral de Minas e as da Consellería de Medio Ambiente).

O vertedoiro está sen actividade dende 2016, data na que a empresa Explotaciones Mineras de Campomarzo entrou en concurso de acredores. O administrador concursal tiña autorización do xulgado para adoptar as medidas de vixilancia ambiental que lle impoñía o plan de restauración, mais non chegou a adoptar ningunha porque o vertedoiro foi adxudicado en poxa a unha empresa xestora de residuos do Carballiño, Building Desarrollo SL. quen posteriormente vendeu o vertedoiro á empresa Bander SL. Trátase dunha compañía promovida polo grupo de empresas vinculado á lalinense familia Cuíña, que segundo puido saber Galicia ambiental, de fontes técnicas, teñen a intención de poñer en marcha (para o que xa solicitaron autorización da Xunta) un vertedoiro debidamente legalizado, dotado dos sistemas de aillamento precisos, rede de desgasificación e planta de tratamento de lixiviados. Bander xa tería presentadas as solicitudes oportunas e estaría á espera das resolucións da Xunta, mentres estáse a aplicar un programa de vixiancia dictado pola administración, até que a Xunta autorice ou non a actividade industrial.

O Grupo Parlamentar do BNG indica que “sorprendentemente” a Xunta devolve a fianza da antiga canteira a Explotaciones Mineras Campomarzo a petición da administración concursal, cando o vertedoiro fora vendido a unha terceira compañía, Bander SL, “sen que se realizase ningunha obra de restauración nin se teña presentado un proxecto de uso para o vertedoiro, sancionado por múltiples ilegalidades na xestión de residuos de obra e industriais”.

Neste sentido, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte proposición non de lei para debate en Pleno:

“O Parlamento de Galiza insta o Goberno galego a:

Realizar todas as actuacións precisas para que a rexeneración da canteira situada nas inmediacións da fervenza do Toxa, no concello de Silleda se realice conforme á legalidade.

Actuar de inmediato para impedir a filtración de lixiviados que se está a producir desde a mesma cara a zona circundante.

Esixir á empresa responsábel a retirada do material non autorizado depositado na mesma e á restauración do solo contaminado.

Abrir unha investigación para determinar as responsabilidades da situación da canteira e os prexuízos causados (depósito de materiais indebidos, produción de lixiviados, devolución de fianza sen cumprir a restauración...).”

Comparte esta noticia