Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


Lugo e Ourense sofren as peores consecuencias dos incendios forestais

Galicia segue a padecer as graves consecuencias dos incendios forestais, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense. A Consellería de Medio Rural informa sobre a situación de cada un dos lumes activos, estabilizados, controlados e extinguidos na comunidade galega con datos ata as 13:30 horas de hoxe. Ademais, tamén lembra o número de teléfono gratuíto 085 ao que debe chamar a cidadanía en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Lugo

En Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón xuntáronse un total de catro lumes, dous da parroquia de Vilamor e dous da parroquia de Saa. Estes incendios foron decretados coa Situación 2 pola proximidade aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal e Busto. Os lumes suman un total de 10.000 hectáreas calcinadas e nel traballan 19 técnicos, 188 axentes, 289 brigadas, 20 avións, 150 motobombas, 13 pas, 1 Unidade Técnica de Apoio, 26 helicópteros e UME. Por outra banda, hai outro incendio decretado coa Situación 2 (debido á súa proximidade ao núcleo de Gamiz) tamén en Folgoso do Courel, iniciado na parroquia de Seceda e que ata o momento queimou 1.100 hectáreas. Neste incendio traballan 19 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, 6 avións, 6 helicópteros e UME.

Por outra banda, hai dous incendios estabilizados na provincia lucense: un no concello de Cervantes, iniciado na parroquia de Cereixedo, que deixou ata o momento 65 hectáreas de superficie queimada; e outro no concello de Quiroga, iniciado na parroquia de Nocedo e que segundo os últimos datos queimou 15 hectáreas. Ademais, hai un total de catro incendios controlados: un en Palas de Rei, iniciado na parroquia de Ramil (375 hectáreas queimadas), outro en Quiroga, iniciado na parroquia de Oureiro (250 hectáreas queimadas); outro en Antas de Ulla, iniciado en Santa Mariña do Castro de Amarante (40 hectáreas queimadas) e outro en Cervantes, iniciado na parroquia de O Castro (menos de 20 hectáreas queimadas).

Ourense

Segundo os últimos datos da Consellería, o incendio de Carballeda de Valdeorras, iniciado na parroquia de Riodolas, queimou ata o momento 10.500 hectáreas de superficie. O lume ten decretada a Situación 2 pola proximidade ao núcleo de Candeda, ademais de que afecta ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Neste incendio traballan 11 técnicos, 79 axentes, 150 brigadas, 68 motobombas, 5 pas, 12 avións, 13 helicópteros e UME. Ademais, malia non estar decretado coa Situación 2, hai outro incendio en Vilariño do Conso que, segundo os últimos datos, afectou a 5.500 hectáreas de superficie. Este lume afecta ao Parque Natural do Invernadeiro e iniciouse na parroquia de Pradoalbar. 

Por outra banda, na provincia ourensá hai tres incendios estabilizados, os tres no concello de Oímbra. Trátase dun incendio orixinado na parroquia de Rabal e ata o momento calcinou 2.100 hectáreas; outro iniciado na parroquia de Videferre que ata agora arrasou con 600 hectáreas; e outro que comezou na parroquia de San Cibrao, afectando a 400 hectáreas. A consellería informa de que os tres incendios entraron dende Portugal.

Pontevedra

Na provincia de Pontevedra extingiuse onte ás 12:29 horas un incendio no concello de Rodeiro, iniciado na parroquia de Guillar. Para a extinción do lume traballaron 2 técnicos, 24 axentes, 60 brigadas, 36 motobombas, 4 pas e 2 helicóperos. O incendio afectou a un total de 110,11 hectáreas, todas de monte arborado.

O peor ano en superficie queimada

No que vai de ano arderon case 200.000 hectáreas en España en relación co auxe dos incendios e as ondas de calor. Neste sentido, o Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) sinala que este 2022 está sendo a temporada de lumes máis devastadora dende a posta en marcha do sistema no ano 2000. De feito, os datos do que levamos de ano indican que varios incendios colocaríanse no ranking de lumes con máis superficie queimada dende 1968. No caso galego, os incendios de O Courel e Valdeorras son os máis destrutivos para a comunidade autónoma dende que hai rexistros. 

Reacción xeralizada de organizacións

Diversas organizacións reaccionan ante a crítica situación de Galicia a causa dos incendios forestais. É o caso de Amigos da Terra, que ven de elaborar unha serie de recomendacións e un protocolo de actuación para a rexeneración dos solos queimados, "para actuar despois dos lumes e botarlle unha man ao monte". A organización destaca as máis 30.000 hectáreas queimadas na vaga de incendios da última semana e insiste en que "tras catro décadas aplicando as mesmas políticas fronte aos incendios non conseguiremos resultados diferentes". Así, é imprescindible utilizar elementos sociais, como a educación ambiental para os actores e axentes determinantes. 


Comparte esta noticia