Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA pide á Deputación de Ourense a suspensión do Rally Hispania no Macizo Central

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) reclama á Deputación de Ourense a suspensión da organización do Rally Hispania no ZEC Macizo Central, “logo de coñecer que o evento non conta cos permisos preceptivos para poder desenvolverse nun espazo natural protexido como Rede Natura 2000”. Segundo o  Servizo de Patrimonio Natural de Ourense, nin a Deputación de Ourense nin a empresa promotora teñen autorización ambiental para celebrar este evento, que terá lugar entre o 16 e o 22 de outubro. Neses días, estímase que uns 180 pilotos de 26 países percorran en motos, quads e SSV máis de 1.500 km da provincia, atravesando o ZEC Macizo Central Ourensán. Na presentación do evento, na que participou o presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, indicábase que a Estación de Montaña de Manzaneda sería o centro de operacións do campionato, cualificado como único rally internacional Tour Terrain do territorio estatal.

 

Tras ter coñecemento do anuncio do evento, a organización ecoloxista ADEGA solicitou información na Xunta sobre as autorizacións emitidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural ou por outros servizos competentes para a celebración deste “campionato masivo e potencialmente agresivo coa contorna, especialmente, nunha zona de especial conservación e espazo natural protexido”. Tanto o centro operacional do evento como o percorrido da carreira motorizada afectan directamente á Zona de Especial Conservación ZEC e ZEPVN Macizo Central e zona de Rede Natura 2000. Segundo a asociación econoxista, “o ruído, a contaminación, o risco de atropelo e a concentración de vehículos a motor suporía un impacto inasumible para esta zona ambientalmente sensible na que se atopan hábitats de especial interese comunitario e especies ameazadas ou cun estado conservación vulnerable”.

 

En resposta a esta consulta, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda confirmoulle a ADEGA que “no Servizo de Patrimonio Natural de Ourense non se recibiu solicitude ao respecto da celebración do evento referido”. Polo tanto, ADEGA insta á Deputación de Ourense a que “desconvoque publicamente o acto e suspenda de inmediato a organización do mesmo”. Tamén lle reclama que non promova a celebración de eventos agresivos co medio ambiente e dirixidos a multitudes en Espazos Naturais Protexidos (ENP).

 

Por último, ADEGA apela á Deputación ourensá e tamén á Xunta, que aparece como patrocinadora do evento, para que “abandonen este tipo de actitudes pouco respectuosas coa normativa ambiental e cos espazos naturais protexidos, para apostar decididamente polo coidado e preservación da escasa e xa maltratada Rede Natura de Galiza, na que deberían potenciarse outro tipo de eventos ou actividades máis acordes, compatibles e respectuosas co medio ambiente”.

Comparte esta noticia