Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA considera que o novo Real-Decreto do MITERD merma os dereitos democráticos dos cidadáns

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ven de emitir un comunicado coa súa valoración do Real-Decreto do MITERD polo que se amplían os prazos das promotoras eólicas para acadar permisos, “retractándose do compromiso adquirido coa cidadanía”. Para a asociación non só a Xunta favorece ás empresas eólicas poñendo atrancos á participación pública. Tamén o Ministerio de Transición Ecolóxica ven de ampliar os prazos dos trámites para a autorización de parques eólicos, outorgando ás empresas 9 meses máis para facerse cos permisos. “Mentras, cidadanía e concellos vemos como os prazos de consulta son cada vez máis reducidos”.

 

Por este Real-Decreto amplíanse “os prazos dos chanzos administrativos intermedios relativos á declaración de impacto ambiental e ás autorizacións administrativas previa e de construción dos proxectos eólicos”. Isto, segundo ADEGA, supón outorgarlle as promotoras unha prórroga de nove mese máis para conseguir unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable, acadar os permisos de conexión ou de evacuación e a autorización previa ou de construción dos parques eólicos. Se a promotora incumpre os novos prazos, suporá a caducidade automática dos permisos de acceso e conexión.

 

A asociación indica que, antes da aprobación desta norma, o próximo fito administrativo de relevancia establecido polo Real Decreto-Lei 23/2020 ía ser o mes de abril. Deste xeito, as promotoras que non tivesen aprobada unha DIA favorable perderían automáticamente os permisos de acceso e conexión á rede eléctrica, imposibilitando continuar coa tramitación do proxecto. Porén, con esta modificación normativa, ese límite temporal trasládase a novembro de 2022. Isto amplía as posibilidades de autorización de parques eólicos, “ao tempo que prorroga agonía dos colectivos de afectados/as e das entidades de defensa do territorio, que xa descartabamos a viabilidade de centos de proxectos por incumprimento dos prazos. É un calote en toda regra á cidadanía!”

 

Ademais, unha parte dos proxectos agora beneficiados por este Real-Decreto xa pasaron o trámite de información pública, fase de participación directa da cidadanía que se desenvolveu nun contexto menos «relaxado» do que agora establece esta prórroga de prazos para as fases do procedemento. ADEGA indica que para o trámite administrativo de consulta e información pública á cidadanía, os prazos condensáronse e recurtáronse, mentres que para os burócratas e as empresas o tempo para a consulta no órgano ambiental, a emisión de declaración de impacto ambiental, alóngase outros 9 meses.

 

Esta nova modificación lexislativa volve situar á cidadanía “nunha clara situación de indefensión e discriminación con respecto ás promotoras”. ADEGA lembra que estas modificacións lexislativas están favorecendo claramente os intereses privados á costa de mermar dereitos democráticos e comúns, como o da participación pública. Así, a organización indica que tanto a Xunta como o Ministerio están a promover mudanzas que alteran o procedemento administrativo relativo á autorización de proxectos de enerxías renovables en dous sentidos: “Ampliando os prazos administrativos relativos á adquisición de autorizacións por parte das empresas e recurtando á metade os prazos de participación pública da cidadanía”. A asociación ecoloxista conclúe que “este tipo de leis só serven de facto para mermar os dereitos democráticos e de participación pública dos cidadáns, tal e como ADEGA xa lle advertira á Valedora do Pobo de Galiza en xuño do ano pasado”.

Comparte esta noticia