Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA afirma que a eólica mariña pretende ocupar áreas con hábitats protexidos vetadas á pesca de fondo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de afirmar que a recente protección da Comisión Europea de determinadas áreas mariñas fronte á pesca de fondo “semella non valer para as eólicas”. Neste sentido, “os valiosos hábitats de fondos rochosos con corais fríos obxecto de protección fronte a estas artes poden ser ocupados cos mortos, ancoraxes e liñas de evacuación dos parques eólicos mariños”. Segundo a asociación ecoloxista, o documento marco no que as empresas eólicas basean as súas propostas de parques mariños é o Plano de Ordenación do Espazo Mariño (POEM), que está aínda sen aprobar polo Ministerio. ADEGA lembra que este documento “delimitaba unha serie de áreas preferentes e de alto potencial para o aproveitamento enerxético, así como unha cartografía de hábitats e afeccións, na que por certo non se consideraron os caladoiros de pesca nos que faena a frota galega”. Malia a que o POEM aínda non foi aprobado, e o Ministerio decretou unha moratoria no verán de 2021 ata a aprobación dun novo marco normativo para as instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial, as empresas seguen presentando proxectos. ADEGA menciona o recente caso do parque eólico “Galwind”, promovido pola empresa madrileña Instalaciones y Servicios Moscardó III, S.L. Na documentación deste proxecto detállanse as afeccións das instalacións propostas, nas que se poden apreciar interferencias coas áreas nas que están presentes fondos rochosos con hábitats protexidos pola CE. “Porén, a empresa non aponta impactos significativos aos fondos rochosos polos fondeos dos aeroxeradores e subestacións, infraestruturas que requiren de numerosas fixacións e estruturas ancoradas aos fondos de xeito permanente”. Comparando a documentación deste parque coa cartografía do Ministerio, pódese apreciar a “sorprendente omisión dunha tesela de 2,69 km² con fondos rochosos de corais fríos situada baixo o vértice sur do parque”. O nivel de detalle da cartografía do proxecto non xustifica esta “omisión”, por canto incorpora os mesmos datos, á mesma escala e da mesma fonte que a documentación oficial. Polo tanto, ADEGA revela que existe unha significativa afección non declarada pola promotora do “Galwind” aos hábitats que a CE considera de interese para a conservación. Ao mesmo tempo, ao superpoñer a planificación da eólica mariña proposta no POEM aos polígonos para os que a CE vén de declarar a exclusión para a pesca con artes de fondo, obsérvase que algunhas áreas consideradas como de “alto potencial eólico” inclúen polígonos vetados pola CE á pesca de fondo para salvagardar hábitats sensibles. Para ADEGA non é admisible que o Ministerio estea a tramitar parques eólicos mariños sen ter aprobada a planificación e un marco regulatorio propio. “O que xa resulta escandaloso é que por parte da CE se veten determinadas áreas para conservar os seus fráxiles ecosistemas, mentres o Ministerio segue a permitir a súa ocupación polas instalacións eólicas”.

Comparte esta noticia