Utilizamos cookies para mejorar la experiencia del usuario y analizar el tráfico del sitio web.

Preferencias

Cuando visita cualquier sitio web, puede almacenar o recuperar información a través de su navegador, generalmente en forma de cookies. Dado que respetamos su derecho a la privacidad, puede optar por no permitir la recopilación de datos de ciertos tipos de servicios. Sin embargo, no permitir estos servicios puede afectar su experiencia.


ADEGA abre o prazo de inscrición ao “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada” que terá lugar en Ames

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) abre o prazo de inscrición para o seu primeiro ciclo formativo en mestría en compostaxe en 2022, denominado “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”. O curso, que terá lugar do 9 de maio ao 7 de xuño no concello de Ames, ten como obxectivo principal formar a persoas desempregadas para exercer como profesionais nos diversos procesos de compostaxe dos residuos sólidos urbanos. Así, algunhas das destrezas que acadarán os participantes ao rematar o ciclo serán saber determinar a calidade do compost e o seu ámbito de aplicación; e coñecer o manexo dos composteiros domésticos e de áreas de compostaxe comunitarias.

O proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa dirixida ao impulso e mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.

Este curso será o primeiro dos catro ciclos formativos que ADEGA pretende executar ao longo do 2022. A formación completa consta de 100 horas presenciais e os contidos teórico-prácticos impartiranse de luns a venres en horario de 09:00h a 14:00h na Aula da Natureza de Ames. Para facilitar o desprazamento, o concello de Ames porá a disposición un autobús gratuíto, con parada en Milladoiro e Bertamiráns. A formación, destinada a persoas desempregadas, será totalmente de balde para o alumnado. Ademais, cabe destacar que as prazas son limitadas, polo que se recomenda que as persoas interesadas en formalizar a solicitude de inscrición o fagan o antes posible e sempre antes do día 4 de maio ás 14:00 horas, no seguinte formulario de inscrición.

Unha vez finalizado o curso, os participantes que superen a formación recibirán un Certificado de Mestría en Compostaxe emitido pola entidade Composta en Red, así como o asesoramento e a orientación precisa na procura de emprego que facilite a súa inserción laboral. Ademais, poderán optar a unha bolsa de traballo.

Emprego verde e futuro

A asociación ecoloxista leva máis de 20 anos “traballando a prol da reciclaxe dos residuos orgánicos, unha estratexia fundamental para revalorizalos, transformándoos en abono orgánico a través da compostaxe”. ADEGA considera que a compostaxe é unha nova “fonte de emprego verde” que cada vez ten máis demanda no mercado laboral debido á necesidade dos estados membros da UE de cumprir cos obxectivos comunitarios en materia de residuos. Así, a asociación afirma que “capacitar e formar a persoas como mestras de compostaxe descentralizada é unha prioridade, ao tempo que se fomenta a creación de emprego e se facilita a inserción laboral das persoas desempregadas en ámbitos de economía verde con futuro”.

Comparte esta noticia